www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

A preocupación sobre a canalización da auga en tubaxes de amianto chega ao pleno
Política • 24/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de electores presenta na sesión plenaria que se celebra hoxe ás 20:00 horas no Multiúsos de Redondela unha moción na que reclaman que se proceda a substituír aquelas canalización nas que haxa presenza de amianto. A formación política entende que o custe desta actuación debería correr a cargo da empresa encargada da xestión da auga, Aqualia.


Explican dende AER que "as tubaxes de fibrocemento a base de fibras de amianto e cemento xeneralizáronse nas redes de auga europeas dende os anos 40". Malia que os síntomas de enfermidade por exposición ao amianto foron durante moitos anos difíciles de detectar esta substancia foi clasificada e recoñecida por organismos internacionais como un canceríxeno humano e actualmente o uso e comercialización deste material está prohibido en todo o Estado.


Mais, a pesar da prohibición aínda quedan millóns de toneladas de amianto que poden supoñer un potencial risco para a saúde.


En Redondela apareceron tubaxes deste tipo nas reparacións no alto do Os-Tras en Cesantes, hai 3 anos, feito que foi denunciado pola asociación de Veciños no consello parroquial. Ante esta situación, dende AER reclaman que se proceda a renovar as tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento de auga no concello de Redondela por tubaxes que non impliquen ningún risco sanitario para a poboación. Unha actuación cuxo custe ao seu entender debería ser asumido pola empresa concesionaria, aínda que reclaman que se elabore un informe por parte dos servizos do Concello que determine esta cuestión.


PassVigo


Unha sesión plenaria na que estará presente tamén unha demanda veciñal que afecta de cheo á parroquia de Chapela: a retirada da tarxeta verde que se fixo efectiva no pasado 16 de abril. Dende esa data os usuarios do VItrasa non empadroados na cidade de Vigo carecen de bonificacións no uso do transporte, motivo polo que representantes da asociación de veciños de Chapela, parroquia máis afectada pro esta medida, estarán presentes na sesión co obxecto de esixir unha vez máis que o goberno local sente a negociación con Vigo unha solución que poña fin ao que consideran "unha medida discriminatoria".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: