www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

Arranca a edición máis social do Redondela en curto
Cultura • 23/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os escolares de Arcade, Vigo e Redondela serán os primeiros en poder gozar das curtametraxes que, a partir do xoves, xa ofertarán pases para todo o público. Intensifícase a colaboración da Asociación Andaina que busca sensibilizar á sociedade sobre a diversidade e as diferentes capacidades das persoas a través do cine e da presenza de diferentes convidados que trasladarán ao alumnado as súas experiencias. A programación en aberto arrancará coa sesión inaugural do xoves ás 21:00 horas cos actores Monti Castiñeiras, Mabel Rivera e Andrés GIráldez.


A colaboración de Andaina chega a súa sexta edición enmarcada nun festival que conta xa con catorce anos de  vida. Neste percorrido, o colectivo redondelá foi sumando protagonismo e asume a difícil tarefa de organizar as proxeccións escolares que se desenvolven xa dende hoxe en Arcade e Redondela. En total serán 1200 escolares os que se acheguen a estes pases que inclúen tamén mesas redondas e conferencias e que contarán coa presenza de diferentes convidados. "Con esta proposta inténtase sensibilizar dun xeito máis moderno aos rapaces, logrando cambiar a súa perspectiva sobre as diferentes capacidades que teñen as persoas" explica dende Andaina, Magaly Couñago.


Fano a través destas actividades interactivas cos escolares pero tamén con presenza na sección oficial "este ano chegaron 200 películas, algo sorprendente se temos en conta que no primeiro ano practicamente tivemos que ir detrás das produtoras para conseguir algún traballo que cumpra os requisito que solicitamos, que aborde o tema da diversidade ou que algún dos seus intérpretes sexa unha persoa con discapacidade". As catro elixida poderán verse no pase das dez da noite do sábado.


Unha sección oficial que se inaugurará este xoves 26 ás 21:00 horas con presenza dun dos actores de "Fariña" Monti Castiñeiras, a coñecida actriz Mabel Rivera e o tamén actor e titiriteiro redondelán Andrés Giráldez.


A organización non o tivo doado para elixir de entre as case 700 curtametraxes recibidas as 16 que finalmente se poderán ver no festival. "Angel Caído", "Caronte", "El casamiento", El alquiler" ou a curta de animación Nouvelle Cuisine son tan só algúns dos títulos que optarán ao premio de público e crítica e que será proxectado no Multiúsos durante os catro días do festival. Unha selección que busca dar cabida aos mellores traballos presentados pero tamén unha variedade temática e de estilo que serva para dar a coñecer o que se está a facer actualmente no mundo do cine.


Un programa que inclúe tamén un pequeno concerto a cargo de Guadi Galego, artista encargada da banda sonora da curtametraxe "Matria" premiada en Sundance e que foi tamén unha das seleccionadas nesta edición. Un concerto organizado dende Normalización Lingüística e que está incluído no pase das 20:30 horas do sábado.


As actividades centralízanse na súa totalidade no Multiúsos, lugar no que se desenvolverán tamén o resto das seccións presentes no Festival: Sección Cine Galego na que se recollen aqueles traballos de orixe galega e que busca promover, promocionar e premiar ao audiovisual galego. A Sección Curtísimas con traballos que duran menos de 4 minutos pero que malia todo son quen de contar unha historia.


Dende a Concellería de Cultura convidan a veciños e foráneos a achegarse a unha proposta "que ben merece a pena, xa que permite ver o mellor que se produce en cine de pequeno formato, un festival xa moi encarrilado no que incluso se estuda a posibilidade de darlle unha volta máis, incrementando a súa duración ou incluíndo novos contidos de cara a vindeiros anos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: