www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Decembro de 2018

28 pinchos para saborear Redondela
Institucional • 19/04/2018
Autor: Lorena Otero

Comeza a VII Ruta do Pincho con 28 propostas nas que se fusiona a innovación cos produtos propios da zona. Once días nos que se poderán degustar nos locais de hostalería adheridos estes petiscos máis a bebida por 2,75 euros. Unha edición que este ano suma como atractivo oito rutas gastronómicas guiadas nas que ademais de gozar da gastronomía coñeceremos a historia e patrimonio de Redondela. A ruta dos carabineiros será a que inaugure estas visitas este venres ás 19:30 horas.


Dende a praia de Arealonga, pasando por Rande, Ventosela, os centros urbanos de Redondela e Chapela, este ano a ruta do pincho amplía o seu percorrido e chega a boa parte do concello con preto de trinta propostas nas que se combinan as elaboracións máis tradicionais como o montadiño de chipirión, ou o arroz con chocos con propostas máis innovadoras como é o caso da hamburguesa de lentellas ou a zamburiña de wakame. Elaboracións que van dende o pincho até a tapa e que se poden degustar por un 1,50 dende o 20 ao 30 de abril.


Como novidade, este ano a Asociación de Empresarios xunto aos hostaleiros organizan oito rutas que permitirán degustar tres pinchos ademais de coñecer os lugares de interese turístico e cultural da vila acompañados por unha guía profesional co obxectivo de pór en valor a riqueza non só gastronómica senón tamén turística e cultural de Redondela como subliñaba dende a asociación, Julia Alonso. Dúas horas de percorrido, en grupos reducidos, nos que coñeceremos o máis destacable do municipio pero tamén as lendas, coa ruta do Maceiras ou a ruta dos galeóns e piratas ou o pasado industrial do concello e a empresa téxtil Regojo coa ruta da camisa de Dalí.


A primeira das citas será este venres coa ruta dos carabineiros que partirá dende o Bar Rivas para coñecer a enseada de San Simón e a súa riqueza natural e paisaxística. Rutas que teñen un custe de 15 euros, incluída a degustación dos pinchos.


E o petiscar ten premio porque como vén sendo habitual todo aquel que o desexe pode puntuar os pinchos e con seis selos participar no sorteo de dúas noites con almorzo a elixir entre máis de 485 establecementos hostaleiros, unha escapada rural dunha noite ou un pase de spa para dúas persoas.


Unha ruta do pincho, xa consolidada en Redondela, e que ten como obxectivo potenciar o sector, fidelizar ao cliente e ser foco de atracción de visitantes, como destacaba a concelleira de Comercio, Teresa París, na presentación desta sétima edición.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: