www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

Arrancan as obras de humanización na rúa peirao en Arcade
Institucional • 19/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os traballos de mellora, que contan cun orzamento de 219.000 euros, consisten nunha ampliación da zona peonil da rúa Peirao, construíndose en total 800 metros cadrados de novas beirarrúas ademais da ampliación do aparcadoiro público e a renovación da calzada de acceso ao peirao.


Na práctica, os traballos de humanización da rúa Peirao implican unha renovación case total da zona e os servizos públicos instalados nela. A principal mellora é a ampliación das beirarrúas actuais, que pasarán a ser de granito e ter unha media de 4 metros de ancho. Aproveitando a actuación, renovarase tamén o espazo dedicado ás árbores existentes mellorando a súa integración no conxunto da rúa, o que garantirá o seu bo estado nos próximos anos.


En canto á calzada, redimensionarase todo o viario que dá acceso ao peirao ata un ancho de 6 metros, tres para cada carril, e renovarase a capa de rodaxe con nova mestura bituminosa para reducir o son do tráfico rodado que chega ás vivendas próximas. Tamén se instalarán redutores de velocidade nos pasos de peóns elevados que conectarán ambas as beirarrúas para aumentar a seguridade viaria dos peóns.


Ademais, renovarase todo o mobiliario público da rúa colocando dez novos bancos, que contarán cunha iluminación LED ambiental, sete novos farois, tamén de tecnoloxía LED, que, ademais de reducir o consumo eléctrico, aumentarán a seguridade viaria da rúa ao mellorala calidade da iluminación. Outra das melloras que ofrece esta iluminación é que proporciona máis comodidade dos veciños que viven á beira dos novos farois, xa que concentra en maior medida o fai de luz e reduce a contaminación lumínica que chega ás vivendas próximas.


Do mesmo xeito, aproveitarase a ocasión para renovar e mellorar todas as redes de servizos públicos situados na rúa Peirao como a rede de fluviais, a de augas fecais, a de abastecemento e a de saneamento, que poderán aumentar a súa capacidade para mellorar e garantir o servizo durante os próximos anos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: