www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

O PSOE vincula o incremento do vandalismo á falta de axentes de policía
Política • 18/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Entenden que a diminución de efectivos da policía local está a incidir directamente na situación de inseguridade que se vive nalgúns puntos do concello co incremento de vandalismo e roubos, particularmente en zonas como Chapela. Apuntan tamén que o menor número de axentes supón que moitos centros escolares carezan dun dispositivo encargado de regular o tráfico na hora de entrada e saída dos rapaces.


No pasado pleno de marzo, o PSdeG presentou unha serie de preguntas sobre a falta de efectivos da Policía Local e a onda de vandalismo en Chapela que está a xerar un gran malestar veciñal debido á falta de seguridade na zona. Explican que os actos vandálicos e os roubos que inclúen materiais da vía pública como o cobre non só están localizados nunha soa parroquia xa que están a estenderse tanto por Chapela e Redondela centro como nas parroquias máis próximas a estas, ademais dun incremento no tráfico de drogas e consumo.


Aseguran os socialistas que o número de policías locais viuse reducido a metade dende que está na alcaldía o PP e supuxo tamén unha menor presenza de efectivos en varios centros educativos. Segundos explican "a falta de seguridade é tan evidente que nin en servizos que sempre se prestaron está a haber o mínimo de efectivos e a situación no verán non mellorará cos auxiliares xa que o PP só sacará 5 prazas das 9 prazas que sacou o ano pasado".


O PSOE apunta tamén que á falta de efectivos hai que sumarlle a carencia de medios materiais que permitan aos axentes desenvolver o seu traballo con eficacia e seguridade como: walkie-talkies que permitan a comunicación e coordinación entre eles, elemento tan esenciais como lanternas, guantes anticorte, chalecos (só hai seis para 16 axentes)...


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: