www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Abril de 2018

Indignación e céntimos logo da supresión das bonificacións do Vitrasa en Chapela
Sociedade • 17/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A eliminación da tarxeta verde facíase efectiva na xornada de onte. Os non empadroados en Vigo e que, polo tanto, no poden acceder a nova Pass Vigo, xa non teñen dereito aos descontos no Vitrasa. Unha situación que cualifican de intolerable, ao pasar dos 0,89 céntimos que pagaban ata o de agora a pagar 1,35. Algo dificilmente asumible para os que teñen que desprazarse a Vigo, realizando nalgúns casos ata catro viaxes. O pago con moedas de céntimo foi onte un xeito de manifestar o seu malestar ante unha situación da que responsabilizan ao alcalde de Vigo, ao de Redondela e a propia Xunta por non ser quen de chegar a un acordo.


As protestas continuarán, asegura o presidente da asociación de veciños, Marcial Pérez. Ademais de seguir realizando eses pagos con céntimos de xeito puntual asistirán o vindeiro martes ao pleno municipal que se realiza no Multiúsos de Redondela para esixir unha solución.


"Sentímonos abandonados, por unha cuestión partidista e un enfrontamento entre o PP e o PSOE os prexudicados somos os veciños". Reparten culpas e insisten en que a solución pasa pola posta en marcha do transporte metropolitano. Tamén disparan ao alcalde de Redondela e o resto de concellos que "o único que fixeron foi presentar un contencioso administrativo que se pode demorar durante anos". Insiste Pérez en que "sempre soubemos que esa decisión non ía solventar o problema, o que hai que facer é buscar solucións negociadas ao problema porque os afectados ao final somo os de sempre, os veciños".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: