Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

A exposición pública do Plan Xeral atrásase logo de demandar a Xunta máis información
Institucional • 17/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O PSOE denuncia que a Xunta devolveu o borrador do Plan Xeral de Redondela por estar este incompleto. Dende o goberno local aseguran que tan só lles solicitaron que acheguen máis información detallada dos planos incluídos no borrador e que se trataría dun "trámite habitual". Con todo, esta demanda de información supón un atranco nos prazos previstos que establecían que o documento urbanístico estaría xa a disposición pública no inicio deste mes de abril.


O grupo municipal socialista asegura que a Xunta devolveu o borrador do PXOM de Redondela por estar este incompleto. Unha devolución que se tería producido xa no inicio de abril malia que "o PP non informou de maneira oficial aos grupos políticos da oposición deste feito, nin dos motivos esgrimidos polo Xunta para devolver dito borrador".


Dende o grupo municipal socialista explican que se decataron deste feito "polos comentarios na rúa que proviñan de persoas que escoitaran isto de varios empresarios que foran informados polo PP e que a devolución do PXOM foi confirmada por persoal do concello".


Os socialistas acusan ao goberno de "ocultación de información" e aseguran que o Plan Xeral acumula máis dun ano de atraso "debido a que o equipo redactor tivo que comezar dúas veces o primeiro borrador por non ter en conta a actual lei do solo".


Para os socialistas "o PXOM que partía dende unha suposta transparencia non está máis que amosando unha ocultación de información por parte do PP que, por un lado, impide que os partidos da oposición teñan total acceso ao borrador xa que para poder consultalo temos que estar baixo supervisión e só en horario de mañá no concello e, por outro lado, dende o goberno manteñen reunións paralelas con empresarios".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: