www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Abril de 2018

O C.D. Cesantes agarda contar cun novo campo de herba artificial para a próxima temporada
Deporte • 17/04/2018
Autor: Ana Prieto

No club de fútbol de Cesantes está de parabéns por partida doble. No eido deportivo, a falta dunha xornada, están clasificados para a fase de ascenso a Segunda Autonómica. No extra deportivo a Comunidade de Montes do Viso vén de ceder ao Concello de Redondela o campo de fútbol da Gándara, requisito indispensable para que a administración local acometa a súa mellora e o dote de herba artificial.


O presidente do club, Manuel Costas, amósase moi satisfeito pola decisión dos comuneiros, que na asamblea extraordinaria apoiaron por unanimidade a cesión dos terreos ao Concello. Un importante paso para que "tan ansiado coma necesario proxecto se faga realidade". Xa está encargado o proxecto, pero para levar a cabo as obras precísase financiamento. Costas entende que coas achegas das administracións local, provincial e autonómica debería saída adiante "sen problemas". Advirte que non só se beneficiaría o C.D. Cesantes, senón tamén outros clubs e peñas do municipio, dada a saturación das instalacións municipais de Santa Mariña. Desde o club advirten que o terreo de xogo da Gándara atópase en moi mal estado desde hai anos, e que presenta problemas de "seguridade e salubridade". O presidente explica que as torretas eléctricas están moi deterioradas e provocan cortocircuitos. Os vestiaros teñen uns sumidoiros deficientes, que ocasionan problemas de desaugues e malos cheiros. A Comunidade de Montes do Viso cede toda a parcela, cunha extensión total de 1,6 hectáreas. Agora a administración local debe asumir a xestión, mellora e mantemento desta infraestrutura deportiva e da súa contorna. As obras consistirán en dotar as instalacións con céspede artificial e unha nova iluminación, ademais de diversas melloras na contorna.


Fase de ascenso


O domingo xogan o último partido de liga ante o Bueu, coa clasificación para a fase de ascenso xa garantida. No club vivirán o encontro como un "preparatorio" para a promoción, que será "moi esixente" e agardan ter máis sorte que a tamporada pasada. Manuel Costas anima ao público a achegarse Á Gándara, no que pode ser o seu último partido nun campo de terra e na Terceira Autonómica. Rematada a liga buscarán unha praza na Segunda Autonómica, fano "con moita ilusión e confianza". Asegura que neste reto irán "a por todas", e malia contar con importantes baixas como Santy e Palú confían en facer "un bo traballo".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: