www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

O Choco perde opcións
Deporte • 16/04/2018
Autor: Ana Prieto

A derrota en Santa Mariña ante o Ribadumia impide aos de Montes recortar distancias pola fase de ascenso. Os redondeláns dominaron o partido, pero erraron nas ocasións, e o rival aproveitou as súas. Na Segunda Autonómica derrotas tamén para o filial e o Arcade, que perde o liderado. En fútbol sala o Redondela aséntase nas posicións cómodas da táboa mentres o Arealonga se afunde en postos de descenso tras a derrota ante o Baíña.


Terceira División


Choco 0-2 Ribadumia


O Choco dominou con claridade en Santa Mariña ao Ribadumia nos 90 minutos de xogo, pero faltoulle o acerto de cara á portería do Ribadumia. Mentres o rival sacou o máximo rendemento das súas achegas á meta de Cortegoso. Os locais atacaron con insistencia pero non tiveron premio, e os do Salnés centráronse en defender a súa portería agardando unha oportunidade. Tras varios intentos do Choco, Miguel adiantou ao Ribadumia á saída dun córner. O Choco quixo reaccionar e Escobar e Rícar puideron marcar, pero evitouno Bugallo. Marcos Montes introduciu cambios na segunda parte para tentar facerse co partido, pero non funcionou. E a seis minutos do final o Ribadumia aproveitou un mal despexe de Javi para deixar sentenciado o partido. Os de Redondela pederon así unha ocasión de ouro para achegarse aos postos de "play-off". Con todo, só perderon un punto coa promoción, que queda agora a seis puntos, logo dos tropezos dos seus rivais directos. Na próxima xornada visitan o campo do Laracha, da metade baixa da táboa.


Choco: Cortegoso; Yago Vázquez, Javi, Lucas, Xián; Alberto Suárez (Gabi Misa, min. 61), Caloi; Rícar (Marquitos, min. 66), Comis (Vilas, min. 46), Chiqui; e Escobar.


Ribadumia: Anxo; Santi, Bugallo, Miguel, Rodri; Gabi, Cheri (Pablo Mota, min. 68); Fran Fandiño ( Joni, min. 86), Josiño, Cerqueiras; e Hugo Soto (Teti, min. 78).


Goles: 0-1, min. 18: Miguel; 0-2, min. 84: Cerqueiras.


Segunda Autonómica



Pontellas B 3-1 Choco B


O duelo de filiais saldouse con vitoria do equipo porriñés. Figui, Rafa e Anxo marcaron para o Pontellas. O filial, na metade da táboa agora, recibe o domingo ao Vincios, da metade baixa da táboa.


Cruceiro 2-1 Arcade


O Arcade perdeu o liderado ao caer derrotado no campo do Cruceiro. Rubén Barreiro adiantou aos locais, pero o Arcade igualou por medio de Dani Bouzón. David Piñeiro fixo o tanto da vitoria nos minutos finais, tras estrelar, o equipo de Juan Amoedo, tres tiros ao pau. O Cuntis é o novo líder do grupo. O Arcade esta a 2 puntos, e o domingo recibe á Lama, no ecuador da clasificación.


Terceira Autonómica



Atl. Vilar 1-1 Gondomar


Os redondeláns sumaron un importante empata ante o Gondomar, líder intratable do grupo. Desde a 4ª praza o domingo visitan o campo do Matamá, que é 5º.


Nespereira 3-5 Chapela


O Chapela mantén o posto de ascenso directo logo de gañar un dos pechacancelas do grupo. O domingo recibirán ao Peñasco, que pelexa pola fase de ascenso.


Peñasco 2-0 Beretes


Os de Chapela non saen da parta baixa da táboa logo da derrota en Coia. E terán difícil facelo a próxima fin de semana, xa que reciben ao Lavadores, en promoción de ascenso.


San Andrés 0-3 Cesantes


O Cesantes mantén a promoción de ascenso logo da vitoria en terras pontevedresas. A unha xornada de rematar a liga consolida a 3ª praza. Despedirá a liga na casa, ante o Bueu, o segundo clasificado, sen posibilidade de que o resultado altere a cabeza da táboa.


Fútbol sala


Terceira División, xornada de descanso


O 21 abril retoman a competición cos encontros Vilalba- Campito e Rececende- Pazos.


Preferente Sur



Mariñamansa 2-3 Redondela


Os redondeláns conseguiron superar ao Mariñamansa nun encontro moi dusputado, o que lles permite afrontar con tranquilidade a recta final da liga. O sábado reciben en Redondela a Os do Val, equipo situado en postos de descenso. Unha vitoria non só certificaría a permanencia do Redondela, senón que axudaría tamén ao Arealonga, que disputa con varios rivais saír dos postos de descenso.


Baiña F.S. 3-0 Arealonga


A derrota dos de Chapela afástaos xa catro puntos da permanencia. Quedan aínda sete xornadas, pero o Arealonga debe apurar as súas opcións se non quere quedar definitivamente descolgado da salvación. Na próxima xornada xogan na casa ante A Quinta de Tui, un dos equipos situados na parte alta da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: