www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Redondela engánchase ás visitas con guía
Sociedade • 6/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A concellaría de Turismo retoma durante este mes de abril unha nova axenda de visitas turísticas guiadas por persoal cualificado, que percorrerán diferentes rutas e percorridos culturais e históricos da vila. Nin o mal tempo parece desanimar a un público que quere saber máis do noso concello e que esta fin de semana poderá coñecer a Redondela moderna e facer unha visita xeral pola vila. Dúas propostas gratuítas, o sábado e domingo ás 19:30 horas, nas que compre inscrición previa no teléfono 667 401 909.


A guía encargada de realizar esta actividade, Soledad Chayán, fala con humor duns roteiros xa rebautizados como "coñece Redondela baixo a chuvia" logo de que nas últimas edicións o paraugas fora imprescindible para os participantes. En todo caso, unha chuvia que non desanima e que fai que sexan moitos os que participen destas actividades que ofertan seis percorridos alternativos, sendo un dos máis demandados o que se centra no cemiterio dos Eidos.


Nesta fin de semana a proposta será o sábado un percorrido pola "Redondela moderna" unha oportunidade para percorrer a historia de Redondela dende o s. XVI ata o s. XX e descubrir, por exemplo "que escandalizou tanto á Inquisición cando por fin chegou a Galicia, cómo evolucionou o porto de Redondela ou a orixe dos viadutos". O domingo a proposta será realizar un roteiro "Xeral pola vila".


Para participar nestas visitas guiadas é necesario facer unha inscrición previa chamando ao teléfono 667 401 909. Son visitas de carácter gratuíto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: