www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

Máis de 170 embarcacións participan na XXII Bandeira Concello de Redondela da Bateis
Deporte • 6/04/2018
Autor: Ana Prieto

As augas de Arealonga vivirán unha intensa fin de semana con dúas regatas de bateis. O club de Remo Chapela organiza mañá sábado a XXII Bandeira Concello de Redondela, na que participarán máis de 850 remeiros e remeiras de todas as categorías. O domingo dispútase a X Bandeira do Porvir Memorial Obdulio Iglesias "Odilo".


O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, presentou onte a Bandeira xunto co presidente do club Julio Prado. O edil salientou a importancia do remo en Redondela, e eloxiou o traballo que o C.R. Chapela está a facer coas categorías base, xa que son "o futuro" deste deporte. Pola súa banda, Prado confía en que as condicións do mar sexan propicias para celebrar as dúas citas. A Bandeira Concello de Redondela, que comezará o sábado ás 17.00 horas no paseo de Cardona, ofrece unha bandeira para cada categoría, polo que se trata dunha cita "moi especial" onde todos os clubes "poden optar a facerse con algún dos galardóns". Participarán os 18 clubes da provincia, entre eles as dúas entidades redondelás de Chapela e Cesantes.


Bandeira do Porvir


Na Bandeira do Porvir, que se disputará no mesmo lugar o domingo a partir das 10.30 horas, faranse coas bandeiras os clubs que sumen máis puntos no cómputo global. Son dúas regatas moi importantes no calendario provincial, xa que son as últimas antes do Campionato Territorial, que se celebrará en Vilaxoán os días 14 e 15 de abril. Nesa proba clasificaranse os mellores barcos para participar no Campionato Galego, que se disputará na Pobra os dúas 21 e 22. Sete días máis tarde será o Campionato de España, que volve a celebrarse en Meira. Unha boa nova para os clubs galegos, xa que facilita a súa participación. No C.R. Chapela confían en poder clasificar algúns barcos para a proba estatal como vén sendo habitual nos últimos anos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: