www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Concurso escolar para promover o rural
Sociedade • 4/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

"Creando Rural" é un concurso convocado polo Grupo de Desenvolvemento Local 14, no que poderá participar todo o alumnado de educación infantil e primaria que presente os seus proxectos antes do 17 de maio. Os grupos interesados en participar deberán facer unha inscrición previa na web de Creando Rural ata o próximo 27 de abril.  No caso da categoría de educación infantil, o traballo a presentar será un mural creativo e de inspiración libre, mentres que as aulas de educación primaria deberán gravar un vídeo dun máximo de dous minutos.


Difundir a Medida Leader "en todos os recunchos do territorio e que todo o mundo coñeza que se poden optar a fondos para vivir e emprender no rural". Ese é o obxectivo co que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14), acaba de poñer en marcha o proxecto "Creando Rural", un concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos máis de 100 centros educativos públicos, concertados e privados dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).


O concurso foi presentado no Multiúsos pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen asegurou que a través de iniciativas como esta trátase de "facer ver que no rural tamén hai calidade de vida e que hai futuro". González estivo acompañada neste acto polos tenentes de alcalde de Redondela, María del Carmen Amoedo e Miguel Ángel Álvarez; pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; así como os concelleiros Alfonso Ventín (Fornelos de Montes), José Ángel Bahamonde (Baiona), Julia Loureiro (Mos) e María Teresa París (Redondela).


Neste acto de presentación tamén participaron os nenos e nenas de 2º de primaria do CPR Plurilingüe Vigo, de Redondela, unha representación do público ao que vai dirixido este certame que quere "valorizar o medio rural" e "ver como é para os cativos e cativas vivir no rural, xa que seguro que nos achegan unha visión diferente". "Esperamos que a través da ollada dos nenos e nenas poidamos ver as persoas adultas outro rural", salientou a alcaldesa de Tomiño.


Un mural e un vídeo sobre o GDR 14


O profesorado será o encargado de traballar na clase as sete unidades didácticas (sete para educación infantil e sete para primaria) a través das que os nenos e nenas aprenderán que é o GDR 14, que se busca con el o como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula completa poderá presentar un proxecto conxunto a concurso e o titor ou titora figurará como responsable.


O premio será unha excursión dun día de duración á Granxa Escola O Kiriko para as dúas clases de educación infantil premiadas e outra ao centro de actividades na natureza FervenzAventura para os dous gañadores de primaria.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: