www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Arealonga será praia libre de tabaco
Sociedade • 3/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Medio Ambiente ampliará a declaración de libre de tabaco a praia de Chapela, logo de que a iniciativa se ampliara a toda a praia da punta en Cesantes no pasado verán. Con esta proposta búscase mellorar a saúde dos cidadáns e diminuir a presenza de cabichas no areal, un residuo moi contaminante e moi difícil de retirar ao ter que facelo a man.


A rede galega de praias sen fume ampliarase este verán cun novo areal. Será a de Arealonga en Chapela a que colgue o cartel de "praia libre de tabaco". Unha iniciativa que parte da Concellería de Medio Ambiente e que persegue un dobre obxectivo. Por unha banda intentar eliminar este tipo de residuo das praias "por tratarse de residuos, as cabichas, moi contaminantes, moi difícil de eliminar xa que hai que facelo a man e que moitas veces acaba no mar". Por outra banda, concienciar sobre os prexuizos do tabaco tanto para os fumadores como para os que o rodean.


Insiste o edil en que "non é unha prohibición, tan só un consello que busca librar as praias de fume". Apunta ademais que esta restrición tivo moi boa acollida na praia de Cesantes, onde se aplicou esta medida á raíz do seu recoñecemento con bandeira azul. Agora deciden ampliar a recomendación a praia de Arealonga que pasará a ser tamén un espazo libre de fumes.


Para dar a coñecer a medida e animar aos fumadores e deixar o tabaco na casa colocaranse carteis e repartiranse folletos informativos explicando aos bañistas que se trata dunha praia libre de fume.


Charla avespa velutina


A Casa da Cultura acolle este xoves día 5 ás 20:00 horas unha charla sobre a loita contra a avespa velutina a cargo de Francisco Martínez, experto en xestión de pragas. Nesta charla explicarase como actuar ante a aparición de niños da coñecida como avespa asiática e daranse instrucións para a elaboración de trampas. O obxectivo é traballar de cara a tentar controlar a proliferación e espallamento desta especie invasora que nos últimos anos está a propagarse de xeito exponencial por todo o territorio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: