www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Novembro de 2018

A festa da ostra esgota existencias coa visita de 30.000 comensais
Sociedade • 2/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Festa da Ostra de Arcade superou este fin de semana todas as previsións de asistencia con máis de 30.000 visitantes ansiosos por degustar este prezado molusco. A ponte de Semana Santa e a mellora meteorolóxica experimentada na fin de semana impulsaron a celebración ata superar todas as expectativas e esgotar a última hora do domingo as existencias de varios produtos. A celebración contou co tradicional pregón, que este ano estaba ao cargo dela actriz e presentadora, Eva Iglesias.


Tras a choiva e o vento do venres, que chegou a arrincar a carpa principal da festa que tivo que ser substituída o sábado pola mañá antes da apertura das casetas, o tempo deu un respiro e permitiu a celebración de dúas xornadas de festa con milleiros de visitantes. A coincidencia da Festa coas datas de semana santa foi un revulsivo para a cita gastronómica que contou entre os seus visitantes cunha gran asistencia de peregrinos que realizan a variante portuguesa do Camiño de Santiago.


O domingo as casetas abriron ás 10:00 da mañá para atender aos primeiros visitantes. Ao redor das 13:00 horas, como peche da celebración e coa carpa da festa ateigada de público, a actriz Eva Iglesias desatou as risas dos asistentes co seu pregón e a intervención do seu personaxe televisivo "Dona Concha". A festa terminou con miles de asistentes gozando as últimas racións de ostra, principalmente en escabeche e en empanada, dous dos produtos que se esgotaron a última hora e que dan boa proba do éxito desta edición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: