www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Arcade presume de ostras e dos seus produtos de lonxa
Sociedade • 27/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A XXXII Festa da ostra confía en atraer esta fin de semana a máis de 25.000 persoas que se achegarán a Arcade a degustar o seu produto estrela preparado ao natural, en escabeche e en empanada. Unha oferta gastronómica que se amplía con outros produtos da lonxa: a ameixa que se servirá á mariñeira, a anguía ao espeto, o choco á feira e, como novidade, este ano poderase degustar tamén camarón pequeno. Unha cita gastronómica declarada de Interese Turístico na que non faltarán as actividades festivas e musicais. O pregón correrá a cargo da cantante e presentadora Eva Iglesias.


En total serviranse unhas 100.000 unidades de ostra, un bivalvo que nesta época do ano atópase no seu mellor momento para ser degustado, en opinión dos expertos.


Dende o Concello, organizadores da festa gastronómica en colaboración coa Confraría de Pescadores "Virxe do Carme", confían ademais en superar os 25.000 visitantes ao coincidir a celebración deste ano coa Semana Santa. Explica o alcalde, Agustín Reguera, que por experiencias de edicións anteriores a celebración da festa nesta datas facilita que sexan moitos os visitantes que se acheguen a Arcade aproveitando estas vacacións. Con todo, tamén apunta como elemento determinante a situación meteorolóxica. En todo caso anima a veciños e foráneos a achegarse a degustar un produto de calidade que se ofertará a prezos populares: 7 euros a ducia de ostras ao natural, seis euros en escabeche ou en empanada.


Para acompañar ás ostras a Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade tamén propón na festa a súa iniciativa "Do mar ao prato" onde se poderán degustar produtos da lonxa de Arcade tales como ameixas á mariñeira, espeto de anguía, chocos á feira ou camarón pequeno "quisquilla" crocante.


Os actos iniciaranse o xoves día 29 a partir das 23,00 horas no Multiusos de Arcade coa actuación do humorista Isi e da Agrupación musical Sorcha. Con todo, as actividades principais serán xa na propia fin de semana. As casetas de degustación abrirán as súas portas o sábado ás 12:00 horas amenizadas pola música da charanga "A cabeza non para". Pola noite celebrarase a tradicional verbena coas orquestras Televisión e Palladium. No intermedio da verbena, ás 24.00 horas, haberá unha tirada de fogos artificiais.


O domingo 1 as casetas das ostras abriranse ás 10.00 horas e unha hora máis tarde as bandas de música Artística de Arcade e Banda de Música Cultural de Arcade ofrecerán os seus tradicionais pasacalles. Ás 13.00 horas terá lugar o pregón da festa a cargo da cantante e presentadora Eva Iglesias, colaboradora do programa de humor Land Rober.


Agustín Reguera anima a todos os veciños e forasteiros a participar na Festa da Ostra, declarada de Interese Turístico Galego en 2012, e como cada ano acudan a probar este manxar exquisito nas súas distintas variedades.


O Concello de Soutomaior espera congregar a miles de visitantes entre as dúas xornadas en Arcade, polo que preparará preto de cen mil unidades de ostras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: