www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Colectores do lixo con horario limitado
Sociedade • 26/03/2018
Autor: Ana Prieto

A concellería de Medio Ambiente vén de introducir cambios na recollida do lixo nas principais rúas da vila: Alfonso XII e Ribeira. O novo modelo supón a eliminación dos colectores durante o día, e a súa colocación en horaio de oito da tarde a doce da noite para que os veciños e comerciantes poidan depositar o lixo. Unha medida que conta con defensores e detractores.


O novo sistema, implantado hai dúas semanas, supuxo a eliminación dos colectores de residuos orgánicos, papel e cartón e embases lixeiros. Para que os veciños e empresarios destas rúas poidan depositar o lixo, os operarios colocan varios colectores en distintos puntos da rúa ás 8 da tarde, e logo volven a retiralos ás 12 da noite. O que se pretende co cambio é que a principal avenida de Redonda gañe "en estética", ao tempo que se eliminan da rúa malos cheiros. Pero non todos están conformes coa medida. A maior parte das queixas chegan desde os negocios, que agora deben ter acumulados os residuos dentro dos establecementos ata as 20.00 horas. Lamentan a falta de información por parte do Concello, e negan que o lixo dos comercios ocasione malos cheiros  "xa que se trata maioritariamente de papel e cartón". As queixas repítense nos establecementos destas rúas, sobre todo polos problemas que lles xenera "ter os cartóns acumulados dentro do local a longo de toda a xornada". Na tenda de decoración na que traballa Lucía teñen "moitos problemas de espazo" . Os prexuízos son aínda maiores nos locais de hostalaría. Acumulan bastante lixo ao longo da xornada, e deben acumulalo no interior do establecemento ata as 20.00 horas. E como os contenedores volven a retirarse ás 12 da noite, cando aínda están abertos ao público, os residuos que xeneran despois de media noite deben deixalos no bar "ata o día seguinte, case 24 horas" como lamenta Nuria. Traballa nun bar, e denuncia que a situación é "un agravio comparativo" con respecto a outros establecementos, xa que todos pagan a mesma taxa pola recollida do lixo "pero non teñen o mesmo servizo". Tampouco comparte que sexa unha mellora estética, xa que agora moitos veciños "deixan a bolsa do lixo no chan, en plena rúa". En todo caso, entende se o modelo se implanta definitivamente, deberían facelo cun horario "máis amplo". Peron non todo son críticas. Moitos veciños entenden que é unha boa medida, e que tan só é necesario que a xente "se acostume ao cambio". Para Pedro o novo sistema "non supón problemas", entende que o horario para depositar o lixo "é suficiente", e a situación da rúa mellora moito ao evitarse "os malos cheiros" durante o día. Tamén Fernando aplaude a medida, entende que hai que "respectar os horarios" para depositar o lixo e "evitar os residuos e os colectores na rúa todo o día".


Desde o Concello o responsable de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, explica que se trata dunha proba piloto "con vocación de consolidarse". Entende que este cambio pode supoñer "algunhas molestias" aos veciños e negocios das rúas Alfonso XII e Ribeira, pero agarda que pronto se adapten ao cambio e confía en que o resultado sexa "positivo para todos". O concelleiro sinala que un dos obxectivos desta medida é "concienciar" á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe, e o respeto aos horarios nos que se pode depositar o lixo. O edil amósase tamén "aberto a suxerencias para minimizar os prexuízos a comerciantes e hostaleiros", e apuntou posibles cambios no horario de recollida "para axustarse máis ás necesidades dos negocios da zona".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Lucía dependenta
Os negocios da zona lamentan a limitación do horario sobre todo polos problemas que lle supón acumular o cartón no interios dos negocios.
Nuria hostaleira
Os problemas para bares e restaurantes son maiores xa que acumulan máis lixo e a súa actividade aínda continúa despois das doce da noite.
Axustar horarios
Nuria lamenta este cambio no modelo de recollida e demanda que se amplíe o horario.
Medida positiva
Para Pedro o cambio é positivo xa que evita os malos cheiros durante o día na rúa principal.
Concienciar á cidadanía
Para Fernando o cambio é positivo xa que así se respectan os horarios para depositar o lixo.