www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Pensar e correr polo Monte da Telleira
Deporte • 22/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de 213 persoas de todas as idades participarán este domingo 25 nunha nova carreira de orientación organizada dende a Concellería de Deportes en colaboración co club Aromón. Terceira edición dunha proba que este ano presenta como novidade o seu percorrido, menos urbano e cunha incursión nunha zona tan interesante ao tempo que descoñecida como é o Monte da Telleira.


Unha proba deportiva que arrancaba no ano 2016 co obxectivo de dar a coñecer unha modalidade pouco estendida entre o público en xeral malia tratarse dun deporte federado. Precisamente, co obxecto de promover a súa práctica entre os máis novos, como actividades previas a carreira do domingo impartíronse charlas nalgúns colexios educativos do concello cuxo alumando mostrouse moi receptivo "sabemos que moitos dos que van participar na proba do día 25 son rapaces que asistiron a etas charlas". Entre os inscritos atopamos un perfil moi amplo, sendo o participante máis novo un neno de tan só 5 anos de idade.


Enfrontaranse a diferentes percorridos que van dende os 2,5 quilómetros para os non iniciados ata os máis de catro quilómetros que deberán percorrer os federados.  "O fundamental é pensar para interpretar o mapa e non perderse no percorrido" explica dende a organización Ricardo Figueroa "esa característica é o que fai tan atractiva este tipo de probas que engacha aos que as practican".


O concelleiro de deportes apunta que logo de tres anos a cita está xa consolidade no calendario deportivo de Redondela. Adiante que logo de dar salto dun percorrido urbano a outro alternativo que nos achegará ás Telleiras "o seguinte paso será a convocatoria dunha carreira de orientación nocturna que xa temos comprometida para o mes de outubro".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: