www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Unha nova aplicación móbil permite aos veciños de Pazos realizar xestións municipais
Sociedade • 21/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Pazos de Borbén acaba de dar un paso adiante en materia de comunicación dixital cos seus veciños e faino co lanzamento dunha nova aplicación móbil chamada "Pazos informa". A ferramenta busca achegarse e mellorar a atención aos veciños mediante as novas tecnoloxías ademais de afianzar os recursos dixitais do consistorio. Así, este servizo permitirá coñecer todas as novidades municipais ao momento ademais de permitir enviar avisos e incidencias no municipio.


A aplicación está dispoñible para os dous principais sistemas operativos dos teléfonos actuais, Android e IOs, baixo os nomes de "Pazos informa" e "bandomobil" respectivamente. "Unha vez descargada os veciños só terán que seleccionar o municipio e enseguida empezarán a recibir toda a información municipal", afirma o concelleiro, Fran Amoedo, que explica que "se trata dunha aplicación moi intuitiva e sinxela de utilizar".


O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, destacou que con esta aplicación ábrese unha nova vía de comunicación entre o Concello e os veciños que ten como obxectivo fundamental achegar a Administración local e impulsar a transparencia da xestión municipal.


Avespa Velutina


Entre as principais utilidades desta aplicación está a posibilidade de poder avisar de diferentes incidencias que se produzan no municipio de maneira inmediata asegurando que estes chegan á concellaría correspondente, o que contribuirá a que se poidan solucionar na maior brevidade posible.


Unha destas posibles incidencias é a localización de niños de avespa velutina. Neste sentido, a nova ferramenta permitirá o xeoposicionamiento dos niños mediante coordenadas gps e agrupar os diferentes avisos sobre un mesmo niño, o que facilitará e axilizará as tarefas de retirada.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: