www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Charla de Camiño Noia e música medieval para despedir o Pergamiño Vindel en Redondela
Cultura • 19/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A profesora emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia impartirá este mércores 21 de marzo, ás 19:30 horas na Sala de Exposicións do Multiúsos da Xunqueira unha charla coloquio enmarcada dentro dos actos de despedida do Pergamiño Vindel que nos últimos meses se puido visitar no Museo do Mar de Vigo. A música correrá a cargo de Paulina Ceremuzynska, especilista en música medieval.


Un acto de despedida que se celebra en Redondela por ser o noso concello un dos que participou activamente no programa de actividades en paralelo que se organizaron en diferentes concellos co gallo da presenza en Galicia do manuscrito medieval, un documento copiado a finais do século XIII ou inicios do XIV e que contén as sete cantigas de amigo de Martín Codax.


O acto consistirá nun coloquio, onde se falará do contexto en que se produce a lírica medieval galega, a relevancia da lingua galega na Europa da Idade Media e se achegará unha explicación sobre a conservación-transmisión da tradición escrita (cancioneiros, follas voandeiras...).


Deseguido, haberá unha explicación sobre a música do Pergamiño Vindel e unha interpretación musical, ó vivo, das cantigas a cargo da especialista en música medieval, Paulina Ceremuzynska.


A actividade está organizada dende o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: