Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Chapela esixe a implantación do transporte metropolitano para resolver o problema do Vitrasa
Sociedade • 13/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación de veciños convoca a todos os afectados pola eliminación da tarxeta verde a unha asemblea informativa este venres ás 20:00 horas no Multiúsos do Piñeiral na que informarán, entre outras cuestións, da manifestación que celebrarán o xoves 22 de marzo en Vigo para esixir que se manteñan as bonificación no Vitrasa. Apuntan como solución que entre en funcionamento o transporte metropolitano "asumiría así o custe das bonificación a Xunta de Galicia e se poría punto e final ao problema que argumenta Vigo, sobre a súa negativa a financiar aos usuarios que non estean empadroados na cidade".


"Estamos ante unha disputa absurda entre Xunta e Concello de Vigo" así o entende o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez cando se lle pregunta sobre os prexuizos que os veciños van padecer no caso de que se aplique a substitución da tarxeta verde pola PassVigo. Previsiblemente esa situación producirase o vindeiro 31 de marzo e suporá que todos os usuarios de Vitrasa non empadroados en Vigo perderán a bonificación actual que lle permite usar este transporte a un prezo de 0,89. Pasarán a pagar 1,35 euros, cantidade que os usuarios entenden inasumible.


Con todo a solución podería ser sinxela ao entender de Marcial Pérez "a posta en marcha do convenio do transporte metropolitano resolvería o problema, xa que a Xunta asumiría o custe desa subvención eliminando así o argumento de Caballero. O alcalde vigués defende a nova PassVigo, exclusiva para os empadroados na cidade, porque entende que o Concello de Vigo non ten que poñer os cartos para subvencionar o uso do Vitrasa a todos os usuarios".


Engade o presidente da Asociación de Veciños de Chapela que, malia estar a Área Metropolitana en suspenso, á espera de que a xustiza resolva o contencioso-administrativo en marcha pola súa suposta constitución ilegal, pódese perfectamente aplicar o convenio do transporte.


Asegura ademais que o goberno galego estaría disposto a adoptar esa medida "así nolo confirmou o alcalde de Redondela Javier Bas nunha reunión celebrada na xornada de onte". Isto permitiría que os veciños de Chapela, e doutras parroquias do concello, empregasen o Vitrasa con bonificacións "que serían asumidas pola Xunta".  


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: