www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Alén Nós somete a debate o proxecto de Porto Cabral
Sociedade • 13/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A instalación dun macrocentro comercial na parroquia de Cabral é un tema que preocupa aos comuneiros propietarios dos terreos nos que se quere asentar esta superficie, pero tamén ao pequeno comercio, que segundo todos os datos se vería notablemente prexudicado coa posta en marcha dunha área comercial destas características. Sensibles a este temas, a asociación cultural Alén Nós organiza este xoves ás 20:00 horas unha charlas na que se falará desta cuestión.


"Porto Cabral e os grandes centros comerciais" é o título da charla que organiza Alén Nós e que se desenvolverá na Casa da Cultura o xoves ás 20:00 horas. Analizarase o conflito social xurdido entre boa parte dos comuneiros de Cabral e o proxecto empresarial para a construción do macrocentro comercial denominado "Porto Cabral".


O obxectivo é dispor da información de primeira man dos veciños afectados, constituídos no colectivo Comuneiros de Cabral para a defensa da integridade do monte e da continuidade en mans dos veciños ante a ameaza latente do desenvolvemento do proxecto.


Para iso, un representante deste colectivo exporá cales son as orixes e intereses do proxecto, a capacidade legal de se desenvolver, os condicionantes sociais, ambientais e lexislativos, o futuro PXOM vigués, o contexto político local e nacional, a resposta da veciñanza local, as operacións realizadas por parte dos promotores para convertelo en proxecto de "interesa xeral" ou supramunicipal.


Tamén se contará coa visión dos pequenos empresarios da comarca en canto á súa idea do proxecto e do impacto económico que o macrocentro comercial tería na actividade dos pequenos comercios locais, a través dun representante da asociación de comerciantes de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: