www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Redondela ofrece beneficios fiscais ás empresas
Política • 9/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os empresarios que queiran asentarse no noso concello ou aqueles que xa exercen a súa actividade en Redondela e incrementen o seu número de traballadores poderán beneficiarse de importantes rebaixas nos impostos municipais. Concretamente a proposta, aprobada hoxe en pleno extraordinario, contempla unha bonificación de taxas do Imposto de bens Inmobles (IBI), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (OCIO) que chegaría ata un 95% cando xeren vinte postos de traballos. A rebaixa será menor, dun 75% no caso, de que a empresa cree de once a vinte empregos e do 50% cando o número de traballadores sexa inferior a dez.


Unha medida enmarcada dentro do convenio Doing Business impulsado pola Xunta de Galicia e a Fegamp que saíu adiante cos únicos votos a favor do PP, o voto en contra do edil do BNG e a abstención do resto dos concelleiros (PSOE, AER e edil non adscrito).


Mentres a voceira do PP, Carmen Amoedo, defendeu en todo momento que estas bonificacións fiscais servirán para fomentar a creación de emprego e a implantación de novas empresas en Redondela, o resto dos grupos cualificaron o convenio de "chantaxe" porque a Xunta establece que aqueles concellos que non se sumen a esta proposta quedarán a marxe das axudas económicas que concede o goberno galego para a promoción do emprego.


Amoedo insistía no beneficioso dunha rebaixa nos tipos impositivos "que evitarán que as empresas marchen a outros concellos nos que teñen mellores condicións fiscais".


Dende o PSOE argumentaron a súa abstención a proposta porque non se inclúe cuestións que para eles son determinantes, como o feito de que se debería premiar en maior medida ás pequenas e medianas empresas "debería valorarse máis o valor que ten que unha PEME cree 10 empregos a que o faga unha multinacional".


A Agrupación de electores tamén criticou o convenio porque o único criterio non debe ser a creación de emprego "apostamos por crear emprego pero non a calquera prezo" en referencia a necesidade por exemplo de rexeitar empresas que provoquen danos medioambientais ou non sostibles. Optaron pola abstención por existir un compromiso por parte do goberno do PP de crear unha mesa de negociacións na que se poidan derimir estas cuestións.


Criticas tamén por parte do edil nacionalista Xoán Carlos González quen insistía en que se trata dunha "lei de depredación" e lembraba que o 95% das empresas que existen en Redondela teñen ata 10 traballadores e son as que menos se poden beneficiar deste convenio. Insistía tamén na idea de que o PXOM actualmente en trámite establece que non hai chan industrial con cal non se poderán asentar no municipio grandes empresas. O seu voto foi o único en contra da proposta.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: