www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Francest Bailón: "Os inuit son un pobo fascinante que soluciona os seus conflitos improvisando cancións e poemas"
Cultura • 5/03/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O antropólogo Francesc Bailón achega a Redondela a cultura dos "seres humanos", os inuit, un pobo que vive no Ártico, en Canadá, Alaska, Laponia, Siberia e Groelandia e que son grandes descoñecidos para moitos de nós. Visita o noso concello para desenvolver diferentes actividades no colexio de Cedeira, centro que neste curso está a estudar os pobos indíxenas, e aproveita a súa presenza en Redondela para impartir unha charla que terá lugar este luns ás 19:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.


Antropólogo especializado na cultura inuit e viaxeiro polar, Francecs Bailón ofrece esta tarde unha charla aberta a todo o público que queira coñecer máis sobre este pobo. Logo de máis de dúas décadas viaxando a Groelandia e outras terras habitadas por inuit explica que se trata dunha "cultura fascinante". Nese sentido apunta que o seu interese por esta cultura nace a raíz dun descubrimento "entre outras características trátase dun pobo que resolve os seus problemas improvisando cancións e poemas. Un pobo que non recorre a violencia necesariamente ten que ser un pobo moi rico culturalmente".


Ademais de dar a coñecer a súa cultura, na charla de hoxe aproveitará para desmitificar os elementos relacionados cos inuit. Explica, por exemplo, que son falsos que viviran maioritariamente en iglús, tampouco ceden ás mulleres como se cre erroneamente e non se dan bicos co nariz "simplemente chéiranse". Tampouco teñen innumerables palabras para definir a neve como nos fixeron crer a través da literatura ou o cine.


Durante dúas xornadas, enmarcado dentro do proxecto do centro educativo de Cedeira que neste curso está centrado nos pobos indíxenas, os nenos e nenas gozarán das historias de Bailón, coñecerán como viven os nenos inuit e participarán dunha olimpíada ártica.


Xa pola tarde Franscest ofrecerá unha charla no Multiúsos ás 19:00 horas na que trasladará aos asistentes como este pobo foi quen de asimilar a presenza do home branco nas súas terras adaptándose ao mundo moderno mantendo moitos dos seus costumes ancentrais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: