www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Escaso premio para o Choco
Deporte • 5/03/2018
Autor: Ana Prieto

Unha vez máis o Choco puxo o xogo, a calidade e as ocasións, pero faltou o acerto e non foi quen de pasar do empate ante o Negreira. Na Segunda Autonómica o Arcade consolida o liderado do grupo. En fútbol sala, o Pazos recorta distancias co líder da Terceira División ao impoñerse ao Sala Ourense por 7-4.


Terceira División


Choco 1-1 Negreira


O Choco salvou un punto, porque o gol dos redondeláns non chegou ata o minuto 88 nunha acción de Escobar. O Negrerira aproveitou a súa única chegada á área para marcar. O resultado prolonga a mala serie dos locais en Santa Mariña, onde non gañan desde o 7 de xaneiro. A crónica é a mesma que a doutras moitas ocasións. O Choco tivo o control do partido, a posesión do balón e as ocasións. Escobar tivo a primeira ocasión clara pouco despois do cuarto de hora de xogo, e despois no minuto 33, cun remate ao segundo pau. O Negreira centrábase en defender. E na súa primeira chegada á área, os visitantes marcaron. Cortegoso non puido reter un tiro de Astray e Adrián Quintairos recolleu o rexeite para inaugurar o marcador. O Choco fixo cambios. Montes meteu a Caloi por Rubén Comesaña para atacar con todo en busca do empate. Pablo Couñago cabeceou ao traveseiro un centro de Chiqui pouco antes de que Escobar recollese un envío en profundidade de Alberto Suárez para superar a Rodri e marcar no 88. O propio Escobar tivo ocasión de anotar o gol da vitoria dous minutos máis tarde, pero rematou demasiado centrado. Próximo partido: Villalonga-Choco


Choco: Cortegoso; Rubén (Caloi, min. 71), Javi, Lucas, Xian; Alberto Suárez, Gabi Misa; Vilas (Pablo Couñago, min. 56), Comis, Félix (Chiqui, min. 46); e Escobar.


Negreira: Rodrigo; Juan Diego, Santaló, Rubén, Cristian; Cea, Miguel; Astray, Juan, Diéguez (Sergio, min. 88); e Adrián Quintairos.


Goles: 0-1, min. 75: Adrián Quintairos. 1-1, min. 88: Escobar.


Segunda Autonómica


Tebra 4-2 Choco B


O filial perdeu no campo do Tebra, e complica a permanencia nos primeiros postos. E o domingo terán un duro rival, xa que reciben en Santa Mariña ao líder do grupo, un intratable Racing de Castrelos.


Mosteiro 0-2 Arcade


O Arcade consolida o liderado do seu grupo no campo do Mosteiro. Na próxima xornada reciben ao Marín.


Terceira Autonómica


Matamá 2-1 Chapela


O Chapela perdeu ante un dos rivais directos polo ascenso, o Matamá, que mellora posicións. Na próxima xornada protagonizan o derbi da xornada, xa que reciben ao Peña Beretes, afundido na parte baixa da táboa.


San Roque 5-1 Peña Beretes


O Beretes segue afundido no pozo da clasifiación logo da goleada encaixada no campo do San Roque.


Pereiró 0-1 Vilar


Os redondeláns seguen con opcións de aspirar á parte alta da táboa, logo da vitoria pola mínima no Monte da Mina. Na próxima xornada reciben ao Arenas Alcabre.


Cesantes, descansou. Na próxima xornada xogan no campo do Santomé.


Soutomaior 0-0 Bueu


O Soutomaior conseguiu sumar un punto nun partido sen goles ante un dos equipos máis fortes do grupo. Na próxima xornada teñen descanso.


Fútbol Sala Terceira División


Culleredo 5-1 Campito


O Campito mantense non foi quen de facerlle dano ao Culleredo, un dos equipos fortes da categoría, e os anfitrións acabaron goleando aos de Chapela. Na próxima xornada reciben ao Vila de Cee.


Pazos de Borbén 7-4 Sala Ourense


Os de Fran Amoedo recortan distancias co líder no que foi un dos mellores partidos da xornada. O Sala Ourense está agora a 5 puntos, logo de que o Pazos fixese un partido moi intenso no que demostraron maior poderío físico e rematador. Na próxima xornada visitan a pista do Polideportivo Casas.


Autonómica Sur


Redondela 2-3 Verín


O Redondela non acaba de despegarse dos postos de perigo, lopo de non sumar na casa ante o Verín. Na próxima xornada visitan ao Lume Corbatas.


Arealonga Construccións Castro 8-6 As Neves


Os de Chapela conseguiron impoñerse a un dos equipo do ecuador da táboa. Nun partido con moitos goles o Arealonga suma uns puntos de ouro para evitar o descenso, malia que queda aínda moito traballo por diante. O sábado visitan a pista do Red Blue Vigo 2015.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: