www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 21 de Xullo de 2018

A oposición di non á prisión permanente revisable
Política • 28/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Todos os grupos da oposicións amosaron o seu rexeitamento á moción presentada polo PP para evitar a derrogación da Prisión Permanente Revisable. Os populares pedían o apoio do restos dos grupos por entender que este instrumento, que xa existe en moitos países da nosa contorna, debe ser aplicado naqueles delitos de especial gravidade. O resto dos grupos criticaron a utilización do "sufrimento das vítimas" e de "lexislar en quente esquecéndose de que non hai que endurecer as penas senón investir en prevención e en políticas educativas e de reinserción" e amosaron o seu rexeitamento ao que cualifican de cadena perpetua.


Explicaba a concelleira popular, Teresa París, que a prisión permanente revisable é un instrumento que existe en moitos dos países da nosa contorna con gobernos de diferente corte político, considerada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos axustada á Convención Europea de Dereitos Humanos. Engadía que se trata dunha medida que se aplica tan só a aqueles delitos especialmente graves "como os actos de terrorismo" e que conta co apoio do "80% da poboación". Neste sentido lembraba as campañas de recollida de sinaturas que hai en marcha e que avogan porque esta pena se manteña malia a proposta de derrogación por parte dos grupos parlamentario.


Con todo, os grupos da oposición en bloque criticaron a proposta dos populares, a quen acusan de lexislar en quente e de utilizar o sufrimento das vítimas para realizar políticas populistas.


Argumentaba o edil non adscrito, Enrique Fojo que "o PP aposta por endurecer penas sobre persoas que xa están sobradamente condenadas mentres se amosan moito máis brandos con outros delitos como o da corrupción"


O nacionalista Xoán Carlos González criticaba ao PP por "apostar por un modelo de sociedade represivo. Xa o fixeron aprobando a lei mordaza e continúan con medidas como estas".


Dende AER engadía Noé Cano que "non hai motivos obxectivos para endurecer as penas que pesan sobre os delitos. O problema está na prevención. Cómpre investir en políticas educativas e de inserción".


Mesmo posicionamento o do PSOE. A súa voceira Anabel Rey criticaba ao PP por "xogar coa dor das vítimas para levar a cabo unha campaña de marketing político".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: