www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Unha vintena de traíñas participarán no Memorial Paco Fenosa organizado polo C.R. Chapela
Deporte • 27/02/2018
Autor: Ana Prieto

As augas de Arealonga acollerán este domingo un dos clásicos de pretemporada das Rías Baixas, o XIII Memorial Paco Fenosa, co que o club rende homenaxa a un dos seus fundadores. Participarán a maioría dos clubs do sur de Galicia, e Chapela bate marcas con catro traíñas.


O presidente do club, Julio Prado, salienta que a cita xa é un referente do remo na provincia, e confía en que aínda se inscriban máis clubs antes do venres. Ás 12.00 horas do domingo, 4 de marzo, está previsto o comezo da regata diante do paseo de Cardona. Na categoría absoluta masculina estarán Amegrove, Mera, Muros, Puebla, Rianxo, Vila de Cangas, Vilaxoán, Virxe da Guía e Chapela cunha embarcación, e Cabo de Cruz e Samertolaméu con dúas. Puebla e Virxe da Guía tamén competirán con candansúa traíña mixta. Na categoría de veteranos estarán os barcos de Rianxo e Chapela. Os anfitrións tamén inscribiron unha traiñeira na categoría absoluta feminina e outra en promoción.


Os clubs galegos están inmersos agora na liga de bateis, da que xa se disputaron tres regatas, con bos resultados para o club de Chapela. No club confían en clasificar varias embarcacións para o campionato galego, que se celebrará os días 21 e 22 de abril, e para o campionato estatal, que será unha semana máis tarde. O club conta cunha ampla canteira, e están a participar na temporada de bateis cun número significativo de barcos. Prado asegura que "o relevo xeracional está asegurado" no remo redondelán, un deporte "duro" pero que "engancha" a aqueles que o practican. Proba diso é que o club conta con remeiros desde os 8 anos de idade ata pasados os 40, cun excelente nivel na categoría de veteranos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: