www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

Unha Alameda para Rosalía
Institucional • 26/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Alameda de Chapela luce xa o nome de Rosalía de Castro. O Concello de Redondela celebraba o día dedicado á nosa galega máis universal cun acto homenaxe no que se deu lectura a diferentes textos da escritora e se descubriu a placa coa nova denominación deste espazo no centro da parroquia.  Dábase así resposta ao acordo plenario que, en base a unha proposta do Servizo de Normalización Lingüística, acordaba por unanimidade que o nome de Rosalía pasara a ter un espazo propio no noso municipio.


Os poemas musicados na voz de Najla Shami e as lecturas de diferentes mulleres dos textos de Rosalía foron protagonistas dun acto oficial que se desenvolvía na tarde do sábado na Alameda de Chapela.


Dende a Fundación Rosalía de Castro o seu presidente, Anxo Angueira, desculpábase a través dun escrito da súa ausencia e felicitaba ao concello por este recoñecemento "amosando unha vez máis o camiño de compromiso coa cultural galega que dende hai anos identifica a Redondela".


En representación do concello o alcalde, Javier Bas, salientou na súa intervención a "honra de dedicarlle a Rosalía un espazo público tan querido para os veciños de Chapela".


Tamén satisfacción a que amosaba a concelleiro de Cultura, Teresa París, porque este recoñecemento "se produza sendo eu responsable de Cultura" e aproveitaba a súa intervención para lembrar a Mª José Mateo "Sesé" a veciña desta parroquia que hai un ano era asasinada pola súa exparella.




Entre o público asistente a este acto atopábanse concelleiros da oposición. Entre eles o representante do BNG, Xoán Carlos González, amosábase indignado por entender que “malia que a posta en escena fora moi atinada, non así as intervencións políticas por parte do goberno local”. Criticaba especialmente que se fixeran referencias ao asasinato de “Sesé” que ao seu entender “non era oportuno” e que a Concelleira de Cultura tivera elixido un texto en castelán de Rosalía “cando o que singulariza a esta escritora é o uso do galego e a reivindicación do noso idioma”.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: