www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Nespereira estrea campo de fútbol
Deporte • 23/02/2018
Autor: Ana Prieto

O club de Pazos de Borbén estrea mañá o remodelado campo de fútbol con herba artificial co obxectivo de incrementar os equipos das categorías base. Chan do Arieiro acollerá ás 17.00 horas un acto coa participación de todos os equipos do U.D. Nespereira e un partido de exhibición. As obras non estiveron exentas de polémica, ao denunciar Alternativa Veciñal que o goberno local "mentiu" nos prazos para non perder unha subvención.


O concelleiro de Deportes de Pazos, Fran Amoedo, salienta que se trata dunhas instalacións "moi agardadas". Coa herba artificial, a entidade presidida por Sito Ruiz alcanza unha reivindicación histórica, xa que era un dos escasos campos da bisbarra con superficie de terra. A idea da dirección actual do conxunto de Pazos é aumentar as categorías inferiores ata tratar de ter un equipo por idade. Na actualidade, o club dispón dunha formación sénior, outra xuvenil e unha cadete. O próximo curso, busca incrementar o número e, na medida do posible, comezar cos equipos de fútbol 8, é dicir, alevíns, benxamíns e prebenxamines.


Polémica reforma


A reforma do campo, que incluiu a instalación de herba artificial, contou cun orzamento de case 500.000 euros. Unha obra non exenta de polémica. Alternativa Veciñal acusa o goberno de Pazos de "mentir" para non perder unha subvención. O portavoz da agrupación de electores, Luciano Otero, explica que a finais de decembro xa denunciaron o risco que corría o Concello de perder unha axuda de 300.000 euros por non rematar en tempo os traballos para instalar o céspede artificial nas instalacións deportivas.Advirte que o goberno local tiña concedida a subvención desde 2015, pero unha "pésima xestión do PP provocou que chegase o 31 de decembro de 2017, a data límite, coas obras sen rematar". Para saír do paso e non perder a subvención, Otero afirma que "mentiron". Así, asegura que a xunta de Goberno Local aprobou o 27 de decembro a certificación da obra, cando os traballos "aínda non estaban rematados".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: