www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Charla debate en torno o despoboamento do rural
Cultura • 21/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación Amigos das Bibliotecas municipais organizan unha nova charla a cargo do profesor de historia, David Faro. O despoboamento do rural é o tema elixido para esta palestra que se desenvolverá o venres ás 20:30 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela. Partindo do libro "A España baleira" de Sergio del Molino analizarase un problema que está a provocar o abandono paulatino de multitude de aldeas e vilas tamén en Galicia.


Os Amigos das Bibliotecas retoman as súas actividades con esta charla a cargo de David Faro. Baseándose no libro "La España vacía: viaje por un país que nunca fue" percorrerá xunto co público as peculiaridades dun país onde o despoboamento progresivo do rural configura unha nova realidade xeográfica a raíz do éxodo xeralizado vivido en só vinte anos, entre 1950 e 1970, cando o campo se baleirou.


Explica Faro que as causas son múltiples pero que responden en xeral a que "o rural foi un mundo maltratado polos grandes movementos da historia contemporánea". Feito que levou a que máis da metade do territorio estea ocupado por tan só o 13% da poboación dando lugar a zonas do rural completamente abandonadas.


Unha realidade que esperta un elevado interesa como o demostra o feito de que o libro de Sergio del Molino teña vendido máis de 50.000 exemplares, unha cifra importante para un libro de carácter ensaístico.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: