www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 17 de Outubro de 2018

Un derbi especial en Chapela
Deporte • 20/02/2018
Autor: Ana Prieto

Este domingo xógase na Terceira Nacional o encontro entre o Campito F.S. e o Pazos, un partido moi agardado polos dous equipos. A relación de amizade que une aos dous adestradores, Iago Fernández e Fran Amoedo, ex técnico dos de Chapela, fai deste encontro unha cita moi especial. O Pazos parte como claro favorito, son segundo, mentres o Campito é décimo do grupo. Con todo, Amoedo non se fía, e augura un partido "moi disputado".


Campito-Pazos


O pavillón municipal de Chapela acolle o domingo ás 19.00 horas o partido de liga entre o Campito e o Pazos. Os visitantes chegan como claros favoritos, logo da vitoria da pasada semana ante o Vila de Cee consolídanse na segunda posición da táboa. Levan invictos desde novembro, e malia que o actual líder, o Ourense, está xa a 8 puntos de distancia, non renuncian a seguir pelexando para revalidar o título de campións da pasada temporada. O técnico, Fran Amoedo, sinala que agora o equipo está "a un bo nivel" e moi centrados no traballo. O partido que disputarán o domingo será "moi especial" para Amoedo, xa que supón o regreso á que durante tres temporadas foi "a súa casa". Do seu paso polo banco do Campito conserva unha gran amizade con Iago Fernández, actual técnico dos de Chapela, e a relación entre os dous clubs é "excelente". Confía en gañar e deséxalle ao Campito "toda a sorte do mundo" nas xornadas que restan de temporada. O adestrador do Pazos recoñece que parten co cartel de "favoritos" pero advirte que será un encontro "moi disputado", xa que os dous equipos se coñecen ben. No encontro de ida disputado en Pazos gañaron por 7-2, pero o encontro decidiuse na segunda parte logo dunha primeira metade moi igualada.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: