www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

O Choco desperdicia as balas
Deporte • 19/02/2018
Autor: Ana Prieto

O equipo de Marcos Montes asinou un empate ante o Noia logo de errar numerosas ocasións nun partido no que foron moi superiores. Na Segunda autonómica o Arcade ponse líder ao gañar ao Figueirido, e na Terceira rexional vitorias de todos os equipos locais agás o Peña Beretes. Na Terceira Nacional do fútbol sala Campito e Pazos gañaron os seus encontros e mediranse no derbi a próxima xornada.


Terceira División




Choco 1-1 Noia


Sexta xornada consecutiva sen gañar para o Choco, que foi moi superior ao rival en xogo e ocasións, pero faltoulle puntería unha vez máis. Tan só unha das múltiples ocasións que tivo o Choco entrou entre os tres paus, e foi no minuto 72 cun gol de Félix. O Noia, que só dispuxo de dúas ocasións en todo o partido, igualou o marcador dez minutos máis tarde cun disparo de Jon que entrou logo de tocar nun defensa. Os de Marcos Montes fixérono todo, tiveron a posesión do balón e dominaron o xogo, co triángulo formado por Gabi Misa, Caloi e Comis. Chegaron as ocasións de Rubén Comesaña e Lucas, tras saques de esquina, máis tarde de Escobar cun par de disparos . Vilas dispuxo da mellor opción local na primeira parte, pero o seu lanzamento rexeitouno Pajarillo cos puños. O Noia só tivo unha ocasións, Manoliño recibiu un envío longo e plantouse só ante Cortegoso, pero o porteiro redondelán evitou o gol. Na segunda parte o mesmo guión, co Choco insistindo na portería rival, con ocasións de Vilas, Chiqui e Félix. Pero non foi case ata a media hora da reanudación cando se estreou o marcador. Félix colleu un balón solto na área tras un centro de Yago Vázquez e anotou o 1-0. Pouco durou a alegría do combinado redondelán, xa que dez minutos despois, nun balón solto no frontal local, Jon lanzou un disparo que superou a Cortegoso tras tocar nun defensor e no pau para poñer o 1-1. Seguírono intentando os redondeláns, pero xa o resultado xa non se movería. Un resultado inxunto, segundo o visto no campo de Santa Mariña, e que deixa aos de Marcos Montes na 11ª praza. Viaxan o domingo a Ourense, cos anfitrións tamén na metade da táboa.


Choco: Cortegoso; Yago Vázquez, Rubén Comesaña, Lucas, Xián; Gabi Misa (Alberto Suárez, min. 79), Caloi; Vilas (Félix, min. 62), Comis, Chiqui; e Escobar (Pablo Couñago, min. 69)..


Noia: Pajarillo; Rubén, Juanjo, Tachi, Dani Conde; Jon, Hugo, Canabal (Piñeiro, min. 78); Manoliño, Nando (Ferreiro, min. 53) e Stefan (Abelenda, min. 67).


Goles: 1-0, min. 72: Félix; 1-1, min. 82: Jon.


Segunda Autonómica




Teis 4-2 Choco B


Os vigueses levaron o derbi comarcal nun encontro no que o filial dispuxo de ocasións para mellorar o resultado. O Choco B mantense na 3ª e na próxima xornada recibe ao Nieto, situado na parte baixa da táboa.


Figueirido 2-3 Arcade


O Arcade lidera o grupo logo da vitoria en Chan do Vilar ante o pechacancelas, o Figueirido. Dous tantos de David Antolín e un de Pablo déronlle o triunfo. O domingo reciben no Salgueirón ao San Adrián, 6º clasificado.


Terceira Autonómica



Balaídos 0-3 Chapela


O Chapela é 4º logo de impoñerse en Coia ao Balaídos. Na próxima xornada terá un encontro complicado, xa que recibe ao líder, o Gondomar.


Gondomar 8-0 Peña Beretes


O Peña Beretes Chapela non se despega da parte baixa da táboa logo de recibir unha abultada goleada por parte do líder, o Gondomar. O domingo recibirán ao Matamá, situado na parte alta da táboa


Vilar 5-1 Lavadores


Os de Vilar superaron a un Lavadores que quedou cun home menos desde o minuto 30. Dous goles de Miguel, outros dous de Óscar e un quinto de Héctor serviron para remontar o tanto inicial dos vigueses. O Vilar é agora 4º, e na próxima xornada ao S. Roque, da metade baixa da táboa.


Salcedo B 1-5 Cesantes


Os de Redondela superaron sen problemas ao Salcedo B, o colista do grupo. Os redondeláns son agora 3º, e na próxima xornada reciben ao Cobres, 7º na táboa.


Soutomaior 2-1 Cotobade


Alberto Pacheco adiantou ao Cotobade, pero dous goles de Joel na segunda parte déronlle a vitoria ao Soutomaior, que escala ao 5º posto. Na próxima xornada visitan o campo do San Andrés, 8º do grupo.


Fútbol Sala Terceira División


Bueu 9-10 Campito


O Campito conseguiu superar ao Bueu no Morrazo, co que suma uns puntos moi importantes para manterse nunha situación cómoda na táboa, como 10º clasificado. Esta semana preparan o derbi que os enfrontará o sábado ao Pazos de Fran Amoedo, ex adestrador dos de Chapela.


Pazos 6-3 Vila de Cee


Os de Fran Amoedo manteñen o 2º posto logo da vitoria ante o Vila de Cee.


Autonómica Sur


Redondela 3-6 Red Blue Vigo


Os redondeláns están a tan só a 4 puntos do descenso logo da derrota ante o Red Blue Vigo. E o sábado deberán medirse en Gondomar a un dos seus rivais directos pola permanencia, o Abetos, que adianta ao Redondela Maramar en dous puntos.


Celado Mos- Arealonga Construccións Castro


Logo da xornada de descanso o Arealonga segue como pechacacelas. E terá o sábado un encontro moi complicado, xa que se mide ao Celado Concello de Mos, 2º da táboa e claro aspirante ao ascenso de categoría.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: