www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

Un Entroido concentrado enche Redondela
Cultura • 19/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A queima do meco e a tirada de fogos pechaba o Carnaval nunha fin de semana cargada de actividade e na que o bo tempo permitiu finalmente que se celebrarse tanto o desfile de comparsas como o concurso no que participaron tanto grandes como cativos. Unha xornada intensa que arrancaba as 11:30 horas co desfile adiado do pasado domingo e no que participaron as 21 comparsas inscritas. Pola tarde os cativos gozaron de actividades na praza da Constitución, volvendo congregar na alameda a Queima do meco a centos de persoas que non quixeron perder como as lapas devoraban á "vespa Abelutina".


A comparsa Estrelas da Noite de Tomiño fíxose co primeiro premio, incrementando o palmarés que lle ten reportado numerosos premio ao longo deste Entroido mentres que a Asociación Terra de Condes recibiu o segundo.


Houbo tamén concurso no que participaron grandes e cativos, que non quixeron deixar pasar a oportunidade de disfrazarse unha vez máis neste Entroido 2018. Os premios neste caso foron para un grupo de persoas disfrazados de bolsos de deseño quen se presentaron baixo o nome "Carnaval Fashion" mentres que na categoría de parellas os gañadores foron dous cativos disfrazados dos coñecidos robots da saga Star Wars.


Na xonrada do sábado a festa non faltou nun multitudinario Enterro do Berete que, ano tras ano, congrega un maior número de público e de comparsas participantes. Todos eles forman parte dunha animada comitiva que parte dende o Alto de Encarnación e que ten o seu remate na praia de Arealonga, lugar no que se celebra á queima do Berete.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: