www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Febreiro de 2018

Os veciños de Chapela solicitan unha reunión con Abel Caballero para abordar o tema do Vitrasa
Política • 14/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación de veciños de Chapela trasladou xa unha petición por escrito ao concello de Vigo na que solicitan reunirse co alcalde vigués para abordar o problema do Vitrasa e a eliminación das bonificacións aos usuarios que non estean empadroados na cidade. O colectivo quere coñecer a postura de Caballero no caso de que a Xunta aceptase asumir o custe que supón bonificar aos usuarios deste transporte de Chapela e outras parroquias do concello. Unha cantidade económica que estiman non debería chegar aos 300.000 euros.


Ante a situación de bloqueo no que se atopan as negociacións de cara a resolver o problema dos usuarios de Vitrasa do noso concello que, previsiblemente, a partir do 31 de marzo xa non gozarán de bonificación no uso deste transporte, a Asociación de veciños trasladaba onte por escrito unha petición de reunión co alcalde vigués.


Abel Caballero mantén a súa negativa a financiar as bonificacións daqueles veciños non empadroados en Vigo e reclama ao seu homólogo en Redondela, Javier Bas, que asine un convenio para que sexa o noso concello quen asuma este custe. Con todo, dende o goberno local aseguran que esa non é unha opción "ante a existencia de informes xurídicos que determinan a ilegalidade de financiar dende o concello subvencións ao transporte".


Para desbloquear esta situación propoñen dende a Asociación de veciños que a Xunta se involucre no problema e que sexa o goberno autonómico quen asuma ese pago. Con todo, queren coñecer previamente a postura de Vigo e se Caballero estaría disposto a negociar esa opción.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: