www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Redondela e Adif impulsan a vía verde polo trazado ferroviario entre Chapela e Vigo
Política • 7/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Ministro de Fomento, Iñigo de la Serna presidiu a sinatura dun contrato entre Adif e o Concello para o desenvolvemento da tan demandada vía verde entre a antiga estación de Chapela e a de Urzaiz. O contrato afecta a un tramo de 1,6 quilómetros no termo municipal de Redondela. A parcela de terreo sobre a que se desenvolverá o proxecto, desafectada do servizo ferroviario en novembro de 2017, alcanza unha extensión de 27.353 m2.


A vía verde sobre o trazado ferroviario de Chapela actualmente en desuso deu onte un paso definitivo. No marco dunha iniciativa de Adif, dirixida ao desenvolvemento local e a cohesión social, tivo lugar en Madrid a sinatura dun convenio que permitirá acelerar a conversión deste tramo nun camiño accesible para peóns e ciclistas.


O ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, presidía a sinatura do contrato de arrendamento entre o presidente de Adif, Juan Bravo, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, para a conversión en vía verde deste tramo de 1.603 metros de lonxitude. Un trazado que se atopa sen servizo ferroviario desde agosto de 2011, debido á execución das obras do Eixo Atlántico e a nova estación de Vigo-Urzáiz, e que foi desafectado do servizo ferroviario en novembro de 2017.


O tramo de Redondela ten continuidade con outro de 3,6 km, xa no termo municipal de Vigo, cuxa desafectación como ben de dominio público foi aprobado en decembro por Adif.


Neste sentido, en próximas datas levará previsiblemente a cabo a aprobación polo Concello de Vigo deste contrato de arrendamento, que afecta a unha parcela de 56.348 m2 para a súa posterior firma.


Vías verdes en Galicia


O programa Vías verdes que está a promover Adif consiste en recuperar antigos trazados ferroviarios que están en desuso, adecuándoos e promovéndoos para ser utilizados como camiños non motorizados para actividades de sendeirismo e rutas accesibles de ecoturismo. Desde xaneiro de 2017, Adif concertou con oito concellos outras tantas vías verdes (incluída esta de Redondela) cunha lonxitude total de 33,8 km.


Está previsto que proximamente se asinen outras dúas vías verdes cos Concellos de Vigo e Santiago de Compostela, sobre outros 15 km de tramos de liña férrea en desuso.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: