www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Novembro de 2018

O Arcade, lanzado a polo ascenso
Deporte • 6/02/2018
Autor: Ana Prieto

Logo da goleada sobre o Pontecaldeas, o C.D. Arcade está no máis alto da táboa, empatado a puntos co Caldas. Aproveitarán o parón de liga da próxima fin de semana para disputar o encontro aprazado co Cuntis. Se suman poranse como líderes en solitario.


O 5-1 da pasada xornada sobre o Pontecaldeas, con Antonlín como protagonista, serviulle aos de Soutomaior para afianzarse na parte alta da táboa. O presidente do club, Miguel García, recoñece que o partido se lles puxo pronte "de cara", e os tres puntos sérvenlle para poñerse líderes cunha xornada menos. Malia que no comezo de temporada o obxectivo era a permanencia, a estas alturas da liga e logo dos bos resultados do equipo, no C.D. Arcade pelexarán polo ascenso. Agora están situados en postos de ascenso directo, xunto co Caldas, tamén cun partido menos disputado. Para García o éxito é dos xogadores e do corpo técnico, que cualifica como un grupo "espectacular". O sábado disputarán o partido aprazado ante o Cuntis, e o presidente advirte que "non será doado". No Campo das Canteiras atoparanse cun rival que está a facer as cousas ben, actualmente en postos de promoción, con catro puntos menos que o Arcade. De acadar un resultado positivo, o C.D. Arcade sería aínda máis líder, pendente de que o Caldas recupere tamén o encontro aprazado co Vilaboa. Os bos resultados do equipo están a animar tamén ao público, que está a deixar boas entradas no campo do Salgueirón. O recoñecemento da afección ante a boa marcha do Arcade, compensan á directiva logo do esforzo realizado e as críticas "cando as cousas non van tan ben". Retoman o calendario de liga o día 18, xogarán en Chan do Vilar, ante o Figueirido, pechacancelas do grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: