www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

A Xunta investirá 90.000 euros na renovación da cuberta do colexio de Quintela
Institucional • 5/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renovará este ano a cuberta do CEIP Quintela, unha obra na que se investirán 90.000 euros e que dá resposta a unha demanda que dende hai varios anos viña facendo a comunidade educativa deste centro escolar. O compromiso era adquirido pola Xefatura territorial de Pontevedra nun encontro co alcalde da localidade, Javier Bas, no que ademais anunciaron que valorarán a posibilidade de construír un comedor no centro escolar.


O responsable do departamento, César Pérez Ares, asegurou que se trata de dúas actuacións prioritarias no programa de reformas, acondicionamentos e melloras dos centros escolares, e non serán as únicas que se aborden neste exercicio. Na reunión, á que ademais asistiron a concelleira do ramo, membros da unidade técnica e do servizo de inspección da Consellería e a ANPA do CEIP de Quintela, acordouse estudar a viabilidade doutras demandas expostas pola comunidade educativa da localidade.


Neste senso, o xefe territorial, quen acentuou a importancia de levar a cabo a reforma da cuberta, cun presuposto estimado de preto de 90.000 euros, fixo especial fincapé na construción do novo comedor, en tanto en canto "facilitará a conciliación da vida laboral e familiar". "Son moitos os pais que se decantaban por outro colexio para os seus fillos ao non ofrecer o de Quintela o servizo de comedor", afirma Pérez Ares, que cualifica ambas as dúas obras de interese.


En canto ao comedor, sinala que se estudará a súa viabilidade. Polo de agora, falouse de dúas alternativas para a súa localización que deberán ser ratificadas no Consello Escolar e sometidas ao criterio do claustro de profesores. A Xefatura territorial comprometeuse a estudar a proposta.    


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: