www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Cultura inviste 206.000 euros na mellora dos edificios de San Simón
Cultura • 2/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

As obras contemplan a revisión, restauración e rehabilitación das construcións, así como accións para protexelas e previr a súa deterioración no futuro. Inclúese tamén nesta actuación acometer o tratamento fitosanitario do paseo dos buxos, palmeiras e outras especies vexetais, que sufriron o ataque de insectos e fungos. As actuacións da Consellería de Cultura prevé actuacións de mellora e de conservación en edificios e espazos exteriores das Illas de San Simón e Santo Antón, por valor de 206.000 euros.


A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural formalizou o contrato de obras para a realización dos traballos de revisión, restauración e rehabilitación nas illas, segundo publica o Diario Oficial de Galicia. As obras contemplan a revisión das instalacións dos edificios, a restauración das súas carpinterías exteriores, a reparación das cubertas de cobre e danos puntuais nas fachadas das construcións, o arranxo da pasarela e o falso teito da planta baixo cuberta do edificio de Cursos e Seminarios, o acondicionamento e mellora do edificio do Almacén-Viveiro, e a reparación da cuberta plana do Centro de Interpretación e Documentación.


O proxecto prevé, así mesmo, acometer o tratamento fitosanitario do paseo dos buxos, palmeiras e outras especies vexetais, que sufriron o ataque de insectos e fungos.


Durante os últimos invernos a acción continuada do mar e diferentes temporais, sumado á acción de diversas especies de aves provocaron a entrada de auga e humidades nestas construcións, tanto no interior dos edificios, que teñen afectadas as carpinterías de portas e fiestras, como nos espazos exteriores, tales como pérgolas.


A consideración de BIC dos lugares onde se van realizar estas actuacións esixe unha especial protección para garantir a conservación destes bens pertencentes ao Patrimonio Cultural de Galicia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: