Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Agosto de 2018

O "Mijo Verde" do Bar Os Amigos representará a Redondela na final do concurso VindeTapas
Cultura • 2/02/2018
Autor: Ana Prieto

A tapa elaborada por Gilda Pires foi a alexida polo xurado profesional como mellor tapa do concurso das Cociñas do Vindel en Redondela, e participará na final do certame que se vai celebrar en Vigo no mes de marzo. O petisco "Zamburiña con castaña", do restaurante Casa Rei, recibiu o premio do público. Foron en total preto de 2.500 as tapas que se degustaron en Redondela nos nove locais participantes.


No Convento de Vilavella déronse a coñecer os gañadores do concurso "VindeTapas, As Cociñas do Pergamiño Vindel", celebrado desde o 12 ata o 21 de xaneiro, unha iniciativa da Consellería de Cultura para diversificar as actividades relacionadas co Pergamiño Vindel e involucrar aos concellos da ría de Vigo. Foron en total preto de 2.500 as tapas que se serviron nos dez días do certame, un balance positivo segundo José Manuel García, de Elemental Chefs, organizadores do evento, tendo en conta que xaneiro é un mes "fouxo" para a hostalaría. A mellor tapa para o público foi "Zamburiña con castaña" do restaurante Casa Rei, mentres que o "Mijo Verde" do Café Bar Os Amigos foi segundo, e a Taperia A Cova acadaba o terceiro posto co seu "Verdel en escabeche de cítricos". A mellor tapa para o xurado, e que por tanto irá á final que se celebrará en Vigo no mes de marzo, foi o prato da cociñeira Gilda Pires, do local Os Amigos. A "Zamburiña con castañas" de Casa Rei quedou en segundo lugar, e a Taperia A Chabola quedou en terceira posición coa tapa "Cochinita sobre tosta de castaña". A cociñeira do local "Os Amigos", dixo sentirse "moi orgullosa" e tamén "nerviosa" polo premio, que a levará no mes de marzo a representar a Redondela na final do concurso, xuntos cos gañadores de Baiona, Cangas e Vigo. A experimentada cociñeira explicou que para elaborar a súa tapa inspirouse no pergamiño Vindel, que estudou a fondo, e lamenta que un patrimonio cultural tan importante "non quede en Galicia definitivamente". "As cociñas do Pergamiño Vindel" quería unir cultura e gastronomía, a través duns concursos de tapas nos que se querían recuperar moitos dos ingredientes utilizados durante o século XII e XIII, co reto de non utilizar alimentos chegados á península despois do descubrimento de América. Gilda empregou o "mijo". Foi experimentando a elaboración con graxa, e probando o resultado coa súa familia e os clientes clientes do establecemento, ata dar coa preparación perfecta. Para recrear a historia, Gilda ambientou o seu local cunha coidada decoración, e mesmo se vestiu de época para a ocasión. Non se limitou a investigar sobre a cociña da época e elaborar a tapa, senón que tamén se encargou de explicar persoalmente aos seus clientes a historia do Pergamiño Vindel e a súa importancia. Un traballo do que se amosa moi orgullosa, e que resultou ser un éxito. De feito, malia que o certame rematou, o bar "Os amigos" segue a ofrecer na súa carta a tapa "Mijo Verde" , que conta con moi boa aceptación. Cumpriuse así un dos obxectivos. O certame gastronómico serviu para dar a coñecer o Pergamiño Vindel, co gallo da súa exposición en Vigo, e segundo os organizadores isto animará a seguir artellando actividades vencelladas á súa historia, como unha "Ruta dos Trobadores"


Sorteo de premios


Durante o acto, no que se entregaron os diplomas aos gañadores, tamén se realizou o sorteo dos premios para o público participante. Os gañadores dos premios das papeletas


son Cristina Vila, cun circuito termal para dúas persoas no Talaso Atlántico; Carolina de Pino cunha cea para duas persoas no Talaso Atlántico; José A. Blanco e Rocío Blanco cun lotede Galicia Calidade; Iván Crespo cun lote de Nordesía Vermúe José Suárez cun lote de Vía Romana. En canto aos premios dos pasaportes, a noite para dúas personas nun establecimiento de Galicia Calidade foi para Iván Crespo; a fin de semana no Talaso Atlántico de Oia para José Luis Rodríguez; a noite na ­Cabaña da Fraga de Lino, para Carolina del Pino. Os premios serán entregados nun acto final que terá lugar no mes de marzo no Museo do Mar, en Vigo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: