www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

Malestar e impotencia entre os veciños do edificio de Chapela que Fomento se nega a expropiar
Institucional • 1/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os 12 veciños que residen nun edificio de baixo e tres alturas ao carón da autoestrada eh Chapela recibían, na Comisión de Seguimento das obras que se reunía onte, a decisión do Ministerio de non aceptar a súa petición de expropiar. Alegan que tanto este edificio como a outra vivenda unifamiliar de Rande que tiña solicitado a expropiación "quedan fóra dos oito metros da liña de dominio público". Un dos afectados, Rafael Baltasar, asegura que seguirán batallando "coa apertura do terceiro carril sufriremos máis vibracións e máis ruído e así non se pode vivir". Unha comisión na que se coñeceu tamén que a reposición de viais se atrasa ata abril e que a colocación de pantallas acústicas está pendente de novos estudios.


"Rexeitan a nosa petición por 1,75 metros". Esa é a distancia que separa este edificio situado no Camiño do Cornido dos oito metros establecidos por Fomento para expropiar unha vivenda. "Como non estamos dentro deses oito metros, estamos condenados a vivir con ruídos e vibracións que irán a máis en canto se abra o terceiro carril, xa o comprobamos durante a semana no que estivo aberto". Así o explica Rafael Baltasar, quen reside xunto coa súa familia nese edificación "sentimos moita impotencia ante a negativa de Fomento, pero seguiremos loitando para que nos expropien".


Este foi un dos temas que se abordou na reunión da Comisión de seguimento da AP-9, que logo dun ano volvía xuntarse na xornada de onte. As noticias tampouco foron boas en canto a reposición de camiños "volven atrasar as obras ata marzo ou abril alegando que faltan uns informes complementarios".


Tampouco está claro cando se colocarán as tan demandadas pantallas acústicas porque están pendentes de incluírse como un engadido ao proxecto de ampliación e "non será ata que rematen as obras cando se realice un estudo para determinar cantas son necesarias e onde se colocarán".


A Asociación de afectados celebra este venres ás 19:00 horas unha reunión no Multiúsos do Piñeiral para informar aos veciños dos compromisos de Fomento e valorar se retoman as mobilizacións.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: