www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Sar e Chapela encadean vitorias na División de Honra prata feminina
Deporte • 29/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Na División de honra prata feminina a Sar Rodavigo facíase coa súa terceira vitoria consecutiva logo de vencer por 33-29 ao Camargo. Vitoria que lle permite manterse na terceira praza da clasificación a tan só catro puntos do segundo. Vitoria tamén para o Cíes obra Civil Chapela ante o Asmubal Meaño. 26-22 foi o resultado disputado no pavillón da parroquia nun partido dominado en todo momento polos anfitrións que se sitúan na decimo segunda praza da categoría. Peor lle van as cousas aos equipos masculinos da primeira nacional que acadaron senllas derrotas nesta fin de semana.


As xogadoras do Chapela, logo da vitoria deste xornada ante o Meaño, terán que enfrontarse na vindeira semana a un longo desprazamento. Xogan ademais contra un rival directo, o Lanzarote Zonzamas, situadas tan só un posto por baixo no grupo. Tamén cita fóra da casa para a SAR que terán como rival ao Xixón, equipo situado na quinta praza.


A outra cara da moeda atopámola na primeira nacional masculina, categoría na que temos que lamentar dúas derrotas para os equipos locais.


O Rodosa Chapela, malia xogar na casa, sufría a súa terceira derrota consecutivas ante o Teucro, partido que remataba cun 32-35 e que afasta case definitivamente aos de Chapela dos postos de ascenso. Tamén derrota para a SAR Plastic Omnium que malia ir por diante en boa parte do partido non foi quen de facerse cos puntos en xogo. O Rasoeiro lograba darlle a volta ao marcador cun definitivo 22-20


Na próxima xornada o Chapela xoga no campo do Octavio mentres que a SAR recibe a outro equipo tamén moi necesitado de puntos, o Porriño, pechacancelas do grupo.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: