www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

O Concello propón rebautizar a Alameda de Chapela como Alameda Rosalía de Castro
Cultura • 23/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A proposta será debatida este xoves no pleno municipal e chega avalada por un informe técnico, elaborado dende o Servizo de Normalización lingüística de Redondela, que entende máis que merecido que unha figura tan representativa para Galicia teña o seu oco na toponimia local. A nova denominación súmase tamén ao intento de dar a coñecer o nome da Alameda de Redondela que, malia o descoñecemento xeral, chámase Alameda Alfonso Daniel Rodríguez Castelao dende hai décadas.


A figura de Rosalía de Castro é un referente da nosa literatura, da nosa lingua e da nosa cultura. Motivos máis que suficiente para que o seu nome figure na toponimia local, aos que habería que engadir o feito de que a poeta nalgún dos seus textos tamén faga referencia ao noso concello. Así, no poema Nosa Señora da Barca podemos ler


 


"Xa que fosen de Rianxo,
que fose de Redondela,


de Camariñas ou Laxe,
de Laxe ou de Pontareas,
todas eran tan bonitas,
todas tan bonitas eran
que o de máis duras entrañas
dera as entrañas por elas..."


 


O cambio de denominación da Alameda de Chapela servirá para render homenaxe a nosa escritora máis internacional e chega no momento no que o Concello busca tamén dar a coñecer o nome que dende hai décadas é o da Alameda de Redondela "Alameda Alfonso Daniel Castelao". Para tentar reparar o descoñecemento existente ao respecto teñen previsto colocar nestes xardíns do centro da vila unha placa de Sargadelos na que figure o nome do político galego.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: