www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Redondela, capital do fútbol sala feminino
Deporte • 23/01/2018
Autor: Ana Prieto

O pavillón da Marisma acolle o Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-21 os días 26, 27 e 28. Enfrontaranse Galicia, Navarra e Comunidade Valenciana. Os partidos, con entrada de balde, disputaranse o venres e sábado en horario de tarde e o domingo pola mañán. As xogadoras da selección galega tamén realizarán unha xornada formativa con alumnos dos institutos de Redondela.


Redondela é un dos referentes galegos no mundo do fúbol sala, e a celebración no pavillón da Marisma desta fase previa do campionato de España así o reflicte. O Concello de Redondela acolleu onte a presentación oficial da proba. Como lembrou o concelleiro de Deportes, Julio Mougán, son catro os clubs locais desta disciplina e moitos os nenos e nenas que a practican. Para eles será "un agasallo" poder disfrutar en Redondela desta competición, que en palabras de Mougán será o evento deportivo "máis importante" dos que se disputen este ano na localidade. O primeiro dos encontros enfrontará á selección navarra e á da Comunidade Valenciana, o venres ás 19.00 horas. O equipo perdedor dese choque medirase a Galicia o sábado ás 18.00, e o gañador do partido inicial xogará ante as galegas o domingo ás 12.00 horas. Para Daniel Benavides, o xefe provincial de Deportes da Xunta "é moi importante fomentar o deporte feminino", xa desde as categorías inferiores, e destacou a labor do Concello de Redondela neste eido, tamén con cursos de formación para monitores como o que agora se está a celebrar na vila. Rafael Louzán destacou que a integración do fútbol sala na Federación Galega de Fútbol permitiu a posta en marcha desta competición en Redondela. O presidente agradeceu a colaboración de Redondela neste evento e confiou en que a selección galega "poida estar na fase final do torneo" e que a nosa comunidade "poida seguir acollendo campionatos". Pola súa banda o alcalde, Javier Bas, salientou a calidade das instalacións deportivas de Redondela "que fan posible que campionatos de gran nivel coma este poidan celebrarse aquí". E destacou o papel de Rafael Louzán, como expresidente da Deputación de Pontevedra, neste eido.


Participación dos clubs redondeláns


Previo ao campionato, as xogadoras do combinado galego xunto coa seleccionadora Pili Costa, celebrarán unhas sesións de traballo cos alumnos da ESO de Redondela. O venres pola mañán estudantes dos IES Chapela, Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño compartirán unha xornada de traballo co equipo. Ademais os xogadores das categorías base dos equipos locais tamén terán protagonismo neste campionato. Nenos e nenas do Arealonga, Campito, Redondela F.S. e Casa Paco realizarán partidos de exhibición nos tempos de descanso da competición oficial.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: