www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Os veciños de Chapela esixen a Bas que negocie bonificacións para o Vitrasa co alcalde de Vigo
Sociedade • 15/01/2018
Autor: Ana Prieto

A partir do 31 de marzo os veciños de Redondela xa non poderán gozar de descontos no transporte urbano de Vigo, polo que urxen ao alcalde a negociar con Abel Caballero unha solución. Para moitos suporá gastar ata 90 euros máis cada mes no bus. Os afectados están a recoller firmas, e o xoves día 18 están convocados a unha reunión no Centro Cultural de Cidadelle ás 21.00 horas.


O 1 de abril a actual "tarxeta verde" do transporte urbano de Vigo deixará de funcionar, e entrará en vigo outro cartón para obter descontos nas viaxes, o denominado "Passvigo". Esta nova tarxeta, que emite o Concello de Vigo, só está dispoñible para as persoas empadroadas na cidade. E os veciños de Redondela xa non poderán gozar das bonificacións nas viaxes, e o prezo cambiará notablemente, pasando dos 0,89 euros a 1,35. Moitos veciños de Chapela, Cedeira ou Trasmañó que utilizan o Vitrasa a diario para ir traballar, facer compras ou estudar van notalo moito nos seus petos. É o caso de Isabel, veciña de Cidadelle, que realiza ata seis viaxes diarios con transbordos. Isto supón que pasará a pagar "uns 160 euros mensuais, en lugar dos 70 que abona agora de media". Os veciños afirman que os dous alcaldes, Javier Bas e Abel Caballero, deberían chegar a un acordo para que os usuarios de Redondela poidan seguir gozando de descontos. De feito Vigo xa ofreceu a Redondela bonificacións para a utilización do bus urbano, sempre que o rexedor redondelán "asuma as subvencións que agora paga a administración viguesa". Moitos veciños de Chapela entenden que o Concello de Vigo deixe de subvencionar o transporte aos veciños doutros municipios, e culpan ao alcalde redondelán, Javier Bas, da falta de xestión e de "non queren facer a achega económica que esixe o rexedor vigués". Patricia "non entende" que o goberno de Redondela non negocie unha solución co Concello de Vigo "para resolver un problema que afecta a centos de veciños". Usuarios da parroquia están a recoller sinaturas para esixir que os viaxeiros de Chapela se sigan a beneficiar dos descontos. Cristina, que fai dúas viaxes diarias á cidade, agarda que coa recollida de sinaturas e as protestas se resolva o problema, xa que a liña circula por Chapela "desde hai 40 anos". Desde a asociación de veciños de Chapela recollen a preocupación dos usuarios e esixen tamén ao alcalde de Redondela que negocie co Concello de Vigo unha solución, ao tempo que advirten que a posta en marcha da Área Metropolitana evitaría este problema. Marcial Pérez, o presidente do colectivo veciñal, explica que os afectados están convocados unha xuntanza que se celebrará o próximo xoves, día 18, no Centro Cultural de Cidadelle, ás 21.00 horas. O colectivo vai propoñer aos veciños "que se mobilicen na rúa" para esixir unha solución, e que o tema se leve ao próximo pleno da corporación para que os grupos políticos o debatan.


Reaccións dos grupos políticos


Desde o PSOE redondelán xa criticaron "a falta de xestión" do goberno local neste asunto e instan a Javier Bas a que se reúna co rexedor vigués para acadar un acordo mentres non se constitúa a área metropolitana, na que se englobaría o transporte urbano vigués. Paralelamente os socialistas están a convocar reunións coas asociacións e a veciñanza das zonas afectadas. O BNG avoga por impulsar a área Metropolitana para resolver o conflito e consideran como "dereitos adquiridos" as bonificacións das que gozan os veciños destas zonas como compensación ao feito de que Vitrasa circule por esas parroquias.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Isabel veciña de Cidadelle
Usuarios como Isabel verán incrementados en máis de 90 euros mensuais o gasto en transporte.
O alcalde debe negociar
Os afectados entende que Javier Bas debe sentarse a negociar unha solución con Abel Caballero.
Queixas pola falta de xestión
Patricia non entende que o alcalde redondelán non busque solucións para os veciños de Chapela.
Recollida de firmas
Cristina confía en que a recollida de sinaturas e as protestas sirvan para que a administración lles dea unha solución.
Marcial Pérez Asociación de Veciños
O colectivo insta ao Concello de Redondela a chegar a un acordo co alcalde de Vigo.
Mobilizacións
Os veciños non descartan mobilizacións na rúa se non teñen unha solución antes de que a passvigo entre en vigor.