www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Novembro de 2018

Un Choco en inferioridade perde en Somozas
Deporte • 15/01/2018
Autor: Ana Prieto

O Choco deixou escapar tres puntos logo de poñerse por diante no marcador. A expulsión de Comis deixou aos redondeláns en inferioridade e serviulles aos anfitrións para darlle a volta ao marcador. Na Segunda Autonómica o filial no pasou do empata co San Miguel e o Arcade gañou en Noalla. Na Terceira rexional o Chapela impúxose no derbi ante o Atl. Vilar e o Cesantes gañou ante o Soutomaior. No derbi local de fútbol sala o Redondela gañou por 5-2 ao Arealonga.


Terceira División


Somozas 2-1 Choco


Os redondeláns foron mellores no primeiro tempo, fixéronse co balón e dominaron o xogo. Así, comezaron a chegar as primeiras ocasións de perigo, e anoton mediado o período co tanto logrado por Antón Vilas. A segunda parte comezou co mesmo xogo, cos de Montes cómodos administrando a vantaxe. Con todo, a pouco menos de media hora para o final, Comis viu a segunda amarela e deixou ao conxunto redondelán cun xogador menos. Marcos Montes tivo que facer cambios para frear os ataques do Somozas, que adiantaron posicións para buscar o empate. A oito minutos para a conclusión, Duque logra a igualada. O Choco comezou a ter problemas para defenderse e dous minutos despois encaixaron o segundo. Unha derrota que impide que o equipo adestrado por Marcos Montes continue coa escalada na clasificación, aínda que é 9º e mantén as opcións de pelexar por chegar a postos de play off de ascenso na recta final do campionato. O vindeiro domingo reciben ao un Barco que se mantén firme en postos de promoción.


Segunda Autonómica



Choco B 2-2 San Miguel


O San Miguel conseguiu un épico punto en Redondela. Os visitantes terminaron con nove e igualaron grazas aos goles de Puime e Costa. O filial é agora 5º, na próxima xornada visita o campo do Louro, un posto por baixo dos redondeláns.


Noalla-Arcade 1-3


Dous tantos de Adrián e un de Pablo deron o tres puntos ao Arcade, que volve engancharse á loita polo ascenso directo. Os de Soutomaior están na 3ª praza, e na próxima xornada terá un partido trascendental, xa que reciben ao At. Cuntis, 2º na táboa, un punto por diante do Arcade.


Terceira Autonómica



Chapela 5-3 Atl. Vilar


O derbi local foi para o Chapela, que segue resitíndoselle aos de Mon Sanromán. A vitoria deixa ao Chapela na 4ª praza, pero empatado xa a puntos 2º e 3º clasificados, Lavadores e Balaídos, respectivamente. Mentres o Vilar cae á 6ª praza, malia que a tan só 1 punto de distancia. Na próxima xornada o Chapela xoga no Monte da Mina ante o Pereiró, cos de Castrelos tan só un punto por baixo. O Vilar recibe ao Moledo, equipo máis frouxo, na metade baixa da táboa.


Soutomaior 2 -3 Cesantes


Os de Cesantes mantéñense no 4º posto, e o Soutomaior é 6º


Fútbol Sala Terceira División


Pazos 7-4 5 Coruña


O Pazos aproveitou a xornada de descanso para disputar o partido ante o 5 Coruña, que tivera que suspenderse en decembro pola condensación do pavillón, que facía impracticable o xogo. O encontro, disputado o sábado, rematou con vitoria dos de Fran Amoedo por 7-4. O resultado deixa ao Pazos na 4ª praza, a tan só 1 punto do 2º e 3º, o Talleres ABC e Estrada Futsal, respectivamente. Na próxima xornada o Campito recibe ao Santiago B e o Pazos ao Ribeira


Autonómica Sur



Redondela 5-2 Arealonga


O triunfo do Redondela no derbi supón un pasiño máis para os de Javier Merino, malia que seguen en postos de descenso, e afunde aínda máis ao Arelaonga como pechacancelas. E os de Chapela non van ter fácil mellorar esa situación na próxima xornada, xa que reciben ao Mosteiro Bembrive, 3º na táboa, a 1 punto do ascenso. O próximo partido do Redondela será ante un rival máis asequible, xogan na pista do Beade, da metade baixa da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: