Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

Redondela rexeita a implantación de grandes áreas comerciais en Porto Cabral e Mos
Política • 12/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Unanimidade entre os partidos políticos de Redondela á hora de rexeitar a creación de grandes áreas comerciais na área metropolitana polas súas repercusións a nivel urbanístico, medio ambiental pero, sobre todo, pola consecuencias que tería no comercio local "suporía un novo varapau a un comercio de proximidade xa moi afectado pola crise". Así o explicaba o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González na presentación da proposta que foi apoiada por todos os grupos con presenza na corporación. Unha moción que reclama da Xunta unha moratoria de dez anos na concesión de licencias para grandes áreas comerciais.


A instalación deste macrocentro comercial no monte comunal de Liñeiriños-Cabral suporía un golpe moi duro para o sector do pequeno comercio e de proximidade, coa perda estimada duns 6.000 empregos, un problema que afectará a Vigo pero, especialmente, ao pequeno comercio dos concellos limítrofes, como no caso do concello de Redondela. Un dos sectores da nosa economía local, que máis postos de traballo xera, vería comprometido o seu futuro tal e como tamén denunciaban dende a propia Asociación de Empresarios do noso concello.


Dende o Partido Popular amosaron o seu apoio a proposta engadindo a petición de que fora trasladado ese rexeitamento ao concello de Vigo. Aproveitaba e popular Carmen Amoedo para lembrar que "o goberno socialista vigués si apoia o proxecto de Porto Cabral".


Os socialistas redondelás pola súa banda daban o seu apoio a moción por entender que "é preciso defende o comercio local" e aproveitaban para reclamar medidas dende a administración de apoio a estes pequenos autónomos.


Na súa intervención o voceiro de AER, Noé Cano facía fincapé na necesidade de actuar de cara a evitar a implantación deste tipo de macroproxectos xa que "malia que o de Porto Cabral non parece que vaia ir adiante ante a importante contestación popular na súa contra, si hai outro previsto na cidade deportiva que promove o Celta en Mos que conta co apoio da Xunta e que tamén sería nefasto para o comercio de proximidade".


O edil non adscrito Enrique Fojo poñia o acento na repercusión que a destrución do monte comunal de Cabral tería a nivel medioambiental.


A xuízo do BNG existen moitas razóns para desbotar un proxecto especulativo como o denominado "Porto Cabral" que pasan polas súas repercusións medioambientais ao ocupar 600.000 m2 de monte na parroquia viguesa de Cabral, urbanísticas porque utiliza a planificación urbanística para favorecer a especulación e a desfeita do territorio, no canto de  promover unha ordenación racional e a protección dos usos sociais do monte e económicas pola destrución do tecido económico local que provocan as grandes superficies comerciais, que ademais levan a maior parte dos seus beneficios para fóra de Galiza.


Motivos que levaron a todos os partidos a apoiar a proposta que insta á Xunta de Galiza a aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais e a desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galiza, a xeito de ordenar a oferta comercial e a defensa do comercio de proximidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: