www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Novembro de 2018

Denuncian a "desatención" que padecen os veciños afectados polo catastrazo por parte do Concello
Política • 11/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A decisión da empresa que xestiona o servizo de recadación municipal de eliminar o posto de asesoramento e orientación a estes veciños está a provocar longas ringleiras e esperas nesta oficina na rúa Ernestina Otero. Tamén que moitos dos afectados teñan que desprazarse a Vigo ou Pontevedra para poder obter asesoramento para recorrer uns recibos que nalgúns casos superan os mil euros. Así o denuncian dende o PSOE. Acusan ao goberno local de desatenderse da problemática do catastrazo en Redondela e solicitan que se repoña o persoal responsable do catastro na oficina de recadación.


Os veciños do noso concello que nas últimas semanas están a recibir a reclamación de pagos para facer fronte a supostos atrasos polo IBI, o coñecido como o catastrazo, buscan asesoramento e información na oficina de recadación municipal. Un servizo municipal en mans dunha empresa que, segundo denuncian dende o partido socialista, eliminou o posto de asesoramento e orientación existente na oficina de Redondela. Unha situación que "debido ao gran número de reclamacións existentes no Concello, deriva en longas ringleiras para poder facer as xestións catastrais na oficina de recadación municipal, o cal está a ocasionar que a veciñanza teña que desprazarse a Vigo ou Pontevedra para poder obter o asesoramento preciso para as súas xestións". Dende o PSOE responsabilizan desta situación ao "goberno do PP, que lonxe de asesorar a cidadanía nas súas demandas, permite sen escrúpulos e por incapacidade de xestión que a empresa elimine dito posto no momento no que é máis necesario".


Engaden que "o goberno de Redondela segue a incumprir un acordo plenario no que se acordaba facer una reorganiazación do cadro de traballadores para axudar a veciñanza ante o Catastrazo, pese a que a concesionaria fíxose co servizo o pasado ano, tras una resolución de alcaldía, que impedía novamente á oposición participar nun proceso de selección tan importante para Redondela".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: