www.radioredondela.com | Hoxe é Xoves, 19 de Abril de 2018 |
Catro compañías achéganse ao Multiúsos de Chapela da man do Ciclo de teatro afeccionado
Cultura • 10/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños A Asociación cultural e social de Chapela en colaboración coa concellería de Cultura pon en marcha o VI Ciclo de Teatro Afeccionado de Chapela con presenza dos grupos A Cividade de Mos, o grupo Lúa Chea de Poio, o grupo Fonte da Tella de Soutomaior e o grupo Misturarte Teatro de Chapela. As funcións serán os sábado días 13, 20 e 27 de xaneiro e o 3 de febreiro no auditorio do Piñeiral do Crego a partir das 20:00horas,con entrada gratuíta. Este ciclo, que cada mes de xaneiro convértese na cita obrigada dos amantes desta arte escénica, é xa o sexto que se organiza na parroquia de Chapela. O teatro afeccionado é seguido cada día por máis público, e ten o aliciente da proximidade de actores actrices e persoal de escena, xa que é un teatro que nace de asociacións e centros culturais como unha expresión de dinamismo e creatividade de moitos e moitas veciñas. Neste ciclo poderemos gozar das seguintes obras: "Se hai que bailar, bailamos" a cargo do grupo A Cividade de Mos baixo a dirección de Javier Carreiro, "Abre a porta", dirixida por Manuel Solla do grupo Lúa Chea de Poios. A terceira actuación correrá a cargo do grupo de Soutomaior Fonte da Tella quen porá en escena a obra "A fermosa Dorotea" dirixida por Salvador Álvarez, e pechará o ciclo, xa no mes de febreiro a obra "Oito" do grupo anfitrión Misturarte Teatro baixo a dirección de Chusa Couñago. As entradas para cada unha das funcións son gratuítas e poderanse retirar unha hora antes de cada actuación ata completar o aforamento do auditorio.
|
Comentarios |
|
|
Audios relacionados co artigo |