Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

A plataforma en defensa do Verdugo solicita reunirse con Augas de Galicia e Abel Caballero
Sociedade • 9/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Pladever (Plataforma en defensa do río Verdugo) quere trasladarlles aos responsables de Augas de Galicia, ao alcalde de Vigo e ao resto de alcaldes de municipios que se abastecen de Eiras os resultados dun estudio, realizado por un grupo multidisciplinar de expertos, no que se constata "o ineficaz que resultaría o transvasamento do río Verdugo" e se avoga por un uso responsable da auga.


A intención de PLADEVER é segundo manifestou o seu voceiro, Fernando Malvar, "é que poidan escoitar directamente as propostas que desde a sociedade civil podemos achegar para atopar entre todos unha solución satisfactoria aos problemas derivados da seca e que poidan evitar calquera tipo de solución apresurada e que quizais non sexa a máis axeitada".


Fernando Malvar, que insistiu na necesidade de analizar en profundidade o problema do uso responsable da auga, sinalou que "está acreditado xa suficientemente que xa non é urxente dotar de medidas excepcionais para abastecer a Vigo e aos concellos da contorna e que urxe poñer en marcha políticas de concienciación social e dos representantes públicos para un uso responsable dos recursos hídricos, serios e harmónicos co medio ambiente".


O voceiro de PLADEVER defendeu a vixencia deste estudio como "unha ferramenta válida a ter en conta á hora de tomar decisión polas importantes achegas que fai desde distintos aspectos: técnicos sociais, económicos e medioambientais acerca das vantaxes que supón unha boa xestión dos recursos hídricos que seguro pode ser un exemplo a estender ao conxunto de Galicia e Estado Español polo seu carácter pioneiro e harmónico co medio ambiente", indicou Fernando Malvar que agarda poder xuntarse en breve con todos e cada un dos axentes implicados neste problema.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: