www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

A elevada presenza de ferro no depósito de auga de San Esteban aconsella a restrición no consumo
Sociedade • 29/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A últimas analíticas da Xunta confirman valores máximos de ferro e aluminio en varios puntos das redes de Redondela e Vigo. As mostras recollidas o martes 26 e analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia revelan que se superaron os indicadores máximos que marca a normativa. No caso do depósito de San Esteban as análises indican unha proporción de ferro de 760ppb e "xa por riba das 600 débense facer recomendacións de restrición no consumo". Sanidade advirte ás empresas de abastecemento que é preciso tomar medidas correctoras e reclama ás concesionarias que sigan informando cada 24 horas.


As últimas analíticas realizadas polos técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade confirman novos picos dos valores de ferro e aluminio nos concellos da área territorial de Vigo, con parámetros que seguen a ser altos. Así, as mostras recollidas polos técnicos da Xunta revelan que nalgúns puntos da rede de abastecemento de Vigo e Redondela se superaron os indicadores máximos que marca a normativa. En termos xerais, a auga segue sen reunir as condicións que garanten a súa calidade.


Dende o goberno local están pendentes dos resultados que se coñezan hoxe e dependendo dos datos que arroxen adoptaranse medidas de cara a trasladar á cidadanía a conveniencia ou non de consumir auga da billa "nestes intres sabemos que a auga é de moi mala calidade aínda que segue a ser apta para o seu consumo" asegura o edil Miguel Angel Álvarez.


Nas mostraxes realizadas con data do 26 de decembro no concello de Redondela o punto da rede afectado polo pico de ferro é o de San Esteban onde as análises do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia indican unha proporción deste metal de 760 ppb.


Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro débense adoptar medidas correctoras e a partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación. Xa por riba das 600 (proporción igual a da do aluminio) débense facer recomendacións de restrición do consumo. Así mesmo, recordar que para declarar a auga non apta para o consumo precísanse dúas analíticas consecutivas con valores superiores aos máximos referenciados.


Os técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais xa recolleron novas mostras nos devanditos puntos que se están agora analizando no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e de cuxos resultados informarase na xornada de hoxe. En caso de confirmarse o positivo, Sanidade terá que recomendar a restrición do consumo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: