www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

Ernestina Otero convértese en personaxe de cómic
Cultura • 28/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Achegar a figura da mestra e pedagoga redondelá aos máis pequenos é o obxectivo desta publicación obra de Enrique Mauricio e Carlos Taboada, as dúas patas da editorial Lela Edición. Anuncian que están xa a traballar  nun contacontos protagonizado pola propia Ernestina Otero que servirá para achegar esta figura dun xeito divertido aos cativos. O libro pódese adquirir en La Imprenta e está a ter unha moi boa acollida por parte do público.


"Semente de igualdade, semente de liberdade" é o título desta pequena biografía de Ernestina Otero, cuarto volume da colección "Mulleres Galegas" de Lela Edicións que en títulos anteriores ocupouse doutras insignes galegas como Ángeles Alvariño, Maruja Mallo e María Victoria Moreno.


Nesta ocasión, a través dos textos de Enrique Mauricio e as ilustracións de Carlos Taboada, os pequenos poderán coñecer as prácticas innovadoras e a afouteza de Otero, que a converten nun exemplo a seguir no eido da educación. Unha muller que malia vivir entre os anos 1890 e o 1956 é todo un exemplo de modernidade pola súa visión actual da sociedade e do ensino "impulsando a asistencia á escola, os dereitos das mulleres, a renovación de profesorados e conseguindo, a través das súas ensinanzas, sementar unha xeración preparada para vivir en liberdade".


"No libro tentamos plasmar como as súas ideas están de actualidade, do mesmo xeito que a súa idea moderna de país, sen esquecer que é tamén un traballo de recuperación da memoria, xa que Ernestina soubo facer o seu traballo malia a represión que sufriu".


Así o explicaban os autores do libro na presentación que tiña lugar na mañá de hoxe en Redondela e que contou coa presenza do alcalde, Javier Bas e de Manuel Puga Pereira, neto de Ernestina Otero, quen non dubidou en loubar o traballo realizado por Enrique e Carlos e salientou que se trata dun "libro pensado en clave feminina en temos nos que é especialmente necesario poñer en valor e recuperar ás mulleres esquecidas da historia".


A publicación do libro contou coa colaboración do Concello de Redondela a través do Servizo de Normalización Lingüística.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: